A noite péchase alta sobre o cemento. O boxeo é un deporte duro, pensa para si. A preparación física, a resistencia aos golpes –que se ten ou non se ten-, as renuncias que esixe. Pero merece a pena. A el merécella, si. Merécea cada vez que abate a altivez adolescente dos rapaces e lles mostra que o único camiño admisible é o da humildade. Merécea cando nota o afecto dos que o rodean, a confianza e a lealdade que lle teñen. Merécea, sobre todo, cando quen entrou pola porta con rabia e sen saídas atopa con el portas para unha vida diferente.
– Ata mañá! Hoxe a durmir, nada de esmorga, eh! Hai que descansar os corpos, que mañá é
outro día!
Os rapaces baixan e fanlle un aceno coñecido, de despedida. Non lonxe, dúas rúas cara abaixo, por detrás do cruceiro da praza dos Mariñeiros Muhammad Ali sorrí orgulloso desde o mural pintado na parede, coa fachenda negra dos membros da Nación do Islam. I´m black and i´m proud. Quen di negro, claro está, di pobre, di muller, di kurdo, di maricón, di obreiro. Esa dor mastígase nos dentes, proe como unha ferida, e despois muda en orgullo pola propia identidade. As cicatrices son marcas que nos delatan, que nos lembran quen somos, de onde vimos, o duro que foi o camiño. A noite péchase alta, sobre o cemento compacto da Agra. E alguén que son eu e non estou alí asubía, con ritmo de reggae, Redemption Song.
O anaco de relato que vés de ler correspóndese con Maneiras de vivir, o segundo dos nosos Libros Vivintes. Obviamente é unha ficción, unha narración literaria, mais ten moita verdade por baixo das palabras. Baséase -agora xa o podemos descubrir- na vida dun veciño de noso: Luís Suárez, do ximnasio e escola de boxeo Azteca Box.
Luís foi para nós unha descuberta: á marxe dos tópicos e dos prexuízos cos que aínda hoxe ten que lidiar o boxeo, el amosounos o que é traballar diariamente desde o deporte para facer mellores persoas e inculcar valores de xustiza, esforzo, humildade e traballo nos rapaces e rapazas que pasan polas súas mans.
Convidámosvos a que o coñezades e a que comecedes a mirar o boxeo doutra forma. Ninguén mellor ca el para vos descobrer ese mundo.
Pingback: Deporte e saúde estrean os roteiros xuvenís polo barrio | Suma Ágora
Pingback: Descubrimos e poñemos en valor a nosa contorna cos roteiros polo barrio | Suma Ágora