Sinto que meu pai foi a única persoa que de verdade me entendeu na vida. Meu pai era cobrador de seguros e traballaba polas aldeas. Era feliz indo dun lado a outro e falando cos paisanos, gustáballe moito o trato coa xente do rural. E sobre todo era extremadamente culto e un lector voraz. Tiñamos tantos libros na casa que unha vez cedeu parte dun chan polo peso que soportaba. Foi el quen me ensinou a ler, antes xa de entrar eu na escola. A esa cultura, a esa curiosidade, sumáballe un carácter alegre e divertido, libre. Penso que nunca deixou de ser un neno grande. Os domingos á mañá poñíanos música e todos bailabamos no salón: Louis Armstrong, jazz, algo ao que non se lle podía chamar claqué, … E, ademais, era colombófilo. A xente de agora xa non sabe moi ben o que é iso, descoñece o mundo das pombas mensaxeiras, os usos que tiveron na historia. Sendo eu nena, nas Olimpiadas de Múnich do 1972 fixeran unha solta de pombas. Unha delas desorientouse e non sei como pero o caso é que chegou ao pombal do meu pai. Meu pai coidouna e tivo fillas. A unha delas, unha pombiña moi bonita, púxolle o meu nome: Fernanda. E acabamos descubrindo que aquela pomba era hermafrodita. Que cousas, verdade? Pódese dicir, se cadra, que a miña casa era unha casa de pombas e de libros.
O texto que vides de ler é un extracto do relato Unha nena diferente de Monte Alto, correspondente a un dos cinco Libros Vivintes cos que traballamos na Biblioteca Ágora en colaboración co IES Agra do Orzán.
Agora xa podemos dicir quen é a súa protagonista, a partir de quen se construiu o relato: Fernanda Pardo, tamén coñecida como Nandita ou Bette Pardo nos ambientes artísticos e alternativos da Coruña.
A vida de Nandita é realmente variopinta, chea de experiencias ao límite e de vontade de saír adiante a pesar de todo. Os distintos momentos vitais que aparecen no relato fóronnos referidos por ela na entrevista que mantivemos hai un par de meses. Mais non se dedica, hoxe, a mirar atrás con nostalxia, ira ou tristeza. Nandita mantén o seu vigor, a súa modernidade e a súa vocación de rebeldía fronte á ditadura silenciosa dos homes grises, con trallazos de creatividade e actitude punk, coma nesta versión coruñesa do “Love Jihad” de Skip & Die.
Non temos acceso ao video deste libro vivinte?
Infelizmente non puidemos gravar os libros vivintes en video, só temos fotos do seu desenvolvemento. Fixemos tres libros vivintes de forma simultánea e éranos imposible. Nas vindeiras semanas iremos subindo ao blog referencias aos outros dous.