Non sería entendible falarmos da cultura dos barrios da Silva e do Ventorrillo sen citarmos ao seu máis egrexio talento, ao fillo máis notable que dela saíu: o grande Pucho Boedo.
O crooner coruñés naceu no 1929 na Silva, no seo dunha familia rebelde e anarquista, que sofreu a represión franquista ao estalar a Guerra Civil. O seu pai e o seu irmán, membros da CNT, foron asasinados polo fascismo. O outro irmán tivo que fuxir cara a Venezuela, onde viviu longos anos de exilio. Tiña daquela Pucho sete anos.
A Silva viuno destacar de neno como futbolista e ollouno traballar cedo e do que fixese falta: vernizador, limpabotas, recadeiro, … Porén, o talento que tiña ao cantar sobresaía sobre o resto. Fichouno de mozo a orquestra Eslava e dela foi pasando por outras daquela altura: Ubierna, Los Satélites, Mallo, Radio City, Los Trovadores, …
No 1959, con trinta anos cumpridos e xa experiencia internacional acompañando aos Satélites e aos Trovadores, recibe a chamada de Los Tamara, que viñan de Casablanca (Marrocos) e tiñan contratos por Europa. A súa incorporación a esta orquestra permitiulle pasar a compartir escenario cos grandes do momento: Shirley Bassey, Jacques Brel, Charles Aznavour, Gilbert Becaud, Charles Trenet, Doménico Modugno, …
E chegaron os discos, editados co selo francés Bel-Air. En total, Pucho gravaría cos Tamara oito “elepés”, varios deles en galego -o que era toda unha declaración de principios nos tempos da Ditadura franquista, que tiña marxinada e prohibida a nosa lingua-. Foron precisamente eses os de maior éxito comercial.
O grande suceso das súas cancións levouno aos grandes escenarios: o Olympia de París, os casinos da Costa Azul… mais Pucho nunca esqueceu as raíces e de onde viña. Dunha familia obreira da Silva, na Coruña, onde a terra entra no océano e asume o vento da liberdade.
Enlaces recomendados:
– Entrada en lafonoteca.net sobre Pucho Boedo
– Ficha do documental Pucho Boedo, un crooner na fin do mundo (Xurxo Souto, 2003)
– Homenaxe no Ventorrillo a Pucho Boedo
Pingback: Músicas Posibles | Suma Ágora
Pingback: As nenas e nenos do María Barbeito, de roteiro polo barrio | Suma Ágora
Pingback: De roteiro polo barrio co CEIP María Barbeito | Suma Ágora