Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“O Galgo Azul busca empoderar o barrio”

“O nome Galgo Azul naceu nunha cea en Bos Aires, mentres pensabamos nomes para o noso futuro proxecto” Na esquerda da imaxe Juan Rodríguez, actor, produtor e xestor cultural, á dereita, Leo Casado, licenciado en museoloxía, educador e xestor cultural.

O vindeiro luns 11 de novembro celébrase a 14 edición do Día das Librarías, coa finalidade de poñer en valor o seu papel na promoción da lectura e da cultura. Nesta ocasión, a CEGAL (Confederación Española de Gremios e Asociacións de Libreiros) que reúne a máis de 1100 librarías, destaca o esforzo das librarías independentes por manterse vivas e activas, dinamizando as súas contornas, xerando cultura e comunidade a través dos libros e a lectura e fomentando a bibliodiversidade.

É por iso que, coincidindo con esta efeméride, falamos na nosa sección Conversas con Juan Rodríguez Santiago e Leo Casado, propietarios da libraría e espazo cultural Galgo Azul, que levan un ano á fronte deste proxecto con base na crenza de que, tanto a literatura como as linguaxes artísticas, teñen o poder máxico de transformar o mundo desde o cotiá.

Na imaxe, Juan e Leo contáronnos como a libraría, sita na Av. Gramela 16-18, serviu este primeiro ano para crear unha comunidade de familias e veciñanza que atoparon no espazo un lugar seguro no que compartir ideas e no que medrar culturalmente.
Á FRONTE DA LIBRARÍA

Juan, veciño do barrio do Agra, no que viviu infancia e xuventude é actor, produtor e xestor cultural. Creador con máis de 20 anos de experiencia e socio fundador de Caramuxo teatro.  Ten participado en multitude de espectáculos da compañía como “Pavillón Lino”, “Feo”, “As fabas máxicas”, “Redondo”, “Mensaxe sen botella”… ademáis de “Lázaro de Tormes” e “Quixote” da compañía Pedras de cartón, que fundou no 2019. Conseguiu o Premio María Casares a Mellor Espectáculo Infantil con “Feo” e “A nena que vivía nunha caixa de mistos” e “Crisálida” de Caramuxo teatro e o Premio Barroco Infantil do Festival Internacional de Teatro de Almagro con “Quixote”.

Juan mestura o traballo actoral e como creador coa produción cultural, xestionando o festival Tras o cristal coa libraría como espazo cultural. Leo é autor do libro álbum “Niños” da editorial Urbe Gráfica e socio do Galgo Azul. Imaxe da conversa mantida na Biblioteca Ágora.

Leo medrou no barrio Villa España – Municipio de Berazategui, Bos Aires, Arxentina- escoitando historias na voz de familiares, amizades e colegas. Alí aprendeu o valor dos relatos compartidos, sendo unha experiencia persoal que atravesa cada día a súa vida profesional no campo cultural. É licenciado en museoloxía (UNDAV), educador e xestor cultural. Desde hai 15 anos traballa no campo cultural, especialmente na mediación patrimonial orientada a infancias e mocidades. Desenvolveu o seu traballo profesional en museos e espazos culturais de Arxentina, en roles de dirección, deseño e produción de materiais educativos, comisariado de exposicións e xornadas de formación en espazos como o Centro Cultural da Ciencia (C3) do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía, o Rexistro de Museos Arxentinos do Ministerio de Cultura e a Rede Museística Provincial de Lugo, entre outros.

HISTORIA PASADA E RECENTE
A libraría, que abriu as súas portas en decembro de 2023, ten moito de teatral, non só de Caramuxo teatro, di Juan.

O nome Galgo Azul naceu nunha cea en Bos Aires, no bar notable Los Galgos. Pensando nomes para o futuro proxecto e, coa necesidade de que fora unha especie de binomio fantástico, decidiron render homenaxe ao galgo de Juan (chamado Banjo) e á cor azul (que nalgún punto conecta as cores de Galicia e Arxentina).

Juan levaba anos barruntando a idea de emprender un negocio que fóra tamén un punto de encontro cultural. O impulso chegou cando quedou libre un baixo na súa veciñanza de toda a vida, a Agra do Orzán.

En palabras de Juan e Leo, Galgo Azul busca potenciar e empoderar o barrio, recoñecendo a diversidade cultural, expresións e identidades múltiples. “Cremos que, tanto a literatura como as linguaxes artísticas teñen o poder máxico para transformar o mundo dende o cotiá. E isto,  buscamos facelo na escala de barrio, buscando tecer redes con diferentes actores e habilitar diálogos onde expresións como a poesía, a danza, o teatro e/ou a lectura activen novas formas de vida en común (ou alomenos, imaxinalas dende elas)”.

“Este primeiro ano serviu para crear unha comunidade de familias e veciñanza que atopan no noso espazo un lugar seguro no que compartir ideas e no que medrar culturalmente. Ademais o Galgo Azul conta con moitos recunchos especiais onde poder tomar un café no vagón no que Belén Constenla daba vida a María Casares no espectáculo de ButacaZeroDespois das ondas”, acudir a unha presentación co cartel do Cinema París, que reproduciu a compañía Os Náufragos no seu espectáculo “Pura” ou sentar nas vellas butacas dos desaparecidos Cinemas Chaplin.”

QUE É PARA VÓS UNHA BIBLIOTECA?

“Unha biblioteca é unha casa aberta que convida a entrar a outros mundos para ler en palabras e imaxes aquilo que inda non coñecemos. É un espazo seguro para garantir o acceso á cultura e á imaxinación como dereitos inalienables de toda persoa.”

RECOMENDACIÓNS DE LEO

“Particularmente -e desde hai un tempo- gozo máis de relatos curtos. Lecturas que, máis aló do xénero, sexan áxiles e me permitan mergullarme de forma directa nos seus personaxes, escenarios. Algo que me pasa tanto coa LIX (ex. A terra onde crecen os xeados, de Anthony Burgess) como cos títulos “para público adulto” (ex. Cometierra, de Dolores Reyes). Fascíname o universo das autoras e autores da literatura infantil -tanto en ilustracións como escritura- e aí, podo destacar a Gianni  Rodari, Jimmy Liao, ou o binomio xermano Zullo-Albertine Zullo e María Elena Walsh (e deixo moitos nomes máis fóra da lista!).

UN FILME: Un que vin até en máis de seis ocasións sendo neno: “The Goonies
UN LIBRO: Gran panda y pequeño dragón, de James Norbury. 
UNHA CANCIÓN: Sueñero, de Luis Fandermole (na imaxe superior esquerda)
UN LUGAR: La isla de los inventos (Rosario, Argentina).
UNHA INQUEDANZA: Animarme a debuxar.
UN DESEXOMáis libros para ser más libres!
UN PECADO: O doce de leite (en calquera das súas aplicacións).
UNHA COMIDA: Milanesa á napolitana con puré de papas.
 

RECOMENDACIÓNS DE JUAN

“Últimamente gozo máis do álbum ilustrado e da novela gráfica

UN FILME: Cinema Paradiso.
UN LIBRO: Herba, de Keum Suk Gendry-Kim.
UNHA CANCIÓN: Volar, de El Kanka.
UN LUGAR: A contorna da Torre de Hércules.
UNHA INQUEDANZA: Viaxar máis.
UN DESEXO: Que a cultura forme máis parte da vida da cidadanía.
UN PECADO: Os doces.
UNHA COMIDA:  As zamburiñas.
 

REFERENTES

Juan: “son referentes para min o cinema clásico como as películas de Chaplin, ou o cinema de Jean Pierre Jeunet; a arte escénica para infancia de La Rous, a plástica de David Pintor ou Branda, a poesía de Lorca, o humor de Gila, os relatos curtos de Cunqueiro, o humor e a crítica social do Lazarillo de Tormes…”

Leo: “Fascíname o universo de autoras/es da literatura infantil -tanto en ilustracións como na escrita- e aí, podo destacar a  Gianni Rodari, Jimmy Liao, o binomio Xermano Zullo e Albertine Zullo e María Elena Walsh (aínda que me quedan moitos nomes máis fóra da lista!)”.

De esquerda a dereita e de arriba abaixo: Charles Chaplin, Miguel Gila, La Rous, Óscar Brandariz, Jean Pierre Geunet, David Pintor, Álvaro Cunqueiro e Federico García Lorca.
De esquerda a dereita: Gianni Rodari, María Elena Walsh, Xermano Zullo e Albertine Zullo e Jimmy Liao.

Pois até aquí a nosa conversa para Suma Ágora, desta volta e, coincidindo co Día das Librarías, quixemos dar voz e axudar a difundir o traballo de Juan Rodríguez Santiago e Leo Casado, propietarios da libraría e espazo cultural Galgo Azul. Grazas por abrirnos as portas do voso proxecto, por achegarvos á biblioteca para coñecérmonos mellor e parabéns por este ano de aposta pola literatura e as linguaxes artísticas con vontade transformadora de barrio.

Feliz Día das Librarías e novamente parabéns!

Acerca de evavieites

Descoñecido's avatar
Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Un comentario en ““O Galgo Azul busca empoderar o barrio”

  1. Pingback: “Os libros son unha vía perfecta para o encontro, unha maneira ideal de coñecer persoas” | Suma Ágora

Deixar un comentario