Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“Pensei que tiña algo que contar en relación á enfermidade mental, furgar nas propias lembranzas e ver que pasaba”

“Tiven unha educación moi represiva, non me permitían desenvolver a miña inquedanza por pintar nin tampouco podía escoitar música, só podía estudar”

O 16 de setembro de 2024 Bea Lema, autora de El cuerpo de Cristo, gañaba o Premio Nacional de Cómic que outorga o Ministerio de Cultura e Deporte. A obra da autora coruñesa sumaba este premio ao seu amplo palmarés, que incluía entre outros, o Premio do Público do Festival de Angoulême e no 2017 o Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña co cómic baseado na súa propia experiencia persoal O Corpo de Cristo.

“O máis fermoso foi facer dunha vivencia moi dura algo que pode axudar a outras persoas

O xurado apuntaba que se trataba dunha obra innovadora, arriscada no formal, con texturas e composicións que transcenden as técnicas máis utilizadas sen renunciar ao uso do humor e a unha mirada poética. “Posúe unha gran profundidade e sensibilidade pola maneira de abordar un tema tan complexo como o da saúde mental desde a propia experiencia da autora, así como a reivindicación da importancia dos coidados.

Con este lenzo de fondo, no Día Mundial da Saúde Mental, recuperamos a conversa mantida con Bea Lema hai sete anos con motivo da súa participación no programa Libros Viventes. O daquela recente galardón Premio Castelao polo “O corpo de Cristo” (semente do actual premio nacional) e un claro obxectivo de abordar a enfermidade mental para darlle visibilidade e normalizala no día a día, foron os eixos que guiaron o encontro.

A semente
“A historia non ten ansia de reprochar nada nin de retratar a ninguén como malo, nada diso.”

“No seu momento chegou a min un libro de Alice Miller, unha psiquiatra alemá que aborda na súa obra como afecta a educación que recibimos na vida adulta. Despois desa lectura coa que me identifiquei moito, pensei que tiña algo que contar en relación á enfermidade mental, furgar nas propias lembranzas case a modo de terapia e ver que pasaba, como me afectara a min esa situación na infancia. Polo tanto, o obxectivo de abordar o tema da enfermidade mental é moi persoal, mesmo catártico, ao tempo que creo preciso dar visibilidade ao tema das patoloxías mentais e normalizalo dalgún xeito.

No meu caso persoal miña nai escoitaba voces no marco dunha esquizofrenia, para ela era complicado recoñecer o que lle acontecía. Criada na Galicia rural onde se che pasaba algo era signo de que tiñas o demo no corpo, ou que alguén che botara o mal de ollo, era moi complexo abordar a enfermidade con ela. E logo está o medo ás etiquetas, á de ser unha tola, por exemplo”.

O devir na casa
“A día de hoxe miña nai é outra persoa, o máis importante é estar pendente dela e que teña unha vida normalizada.”

Teño un irmán maior ao que lle tocou o peor da enfermidade sendo adolescente e cunha obsesión total de miña nai por el. Meu pai buscou o xeito de salvarse na abstracción e fuxida no traballo, ao que sumaba o teimuda que era miña nai cando detectaba que alguén se lle quería poñer por diante. Fun medrando e aquilo non se abordaba na casa, quizais polo feito de ser muller e falar con miña nai desde outra sensibilidade, puiden achegarme a ela e que comezara a medicarse. Ese papel do coidado, da presenza da axuda é moi importante.

 O medo a contar

Ao principio tiña moito medo a contar o contido da obra pola reacción de miña nai, ela ten unha comprensión limitada das cousas, pero sabe máis do que eu penso. Un día díxome polo Premio Castelao de Banda Deseñada: “Ti gañaches un premio porque o que contaches é unha historia real, pero non digas nada.”

Afortunadamente miña nai agora é plenamente consciente da súa enfermidade, recoñece as voces como irreais e iso é moi saudable.

O caldo de cultivo para a enfermidade mental está ás portas da vida de cada persoa: unha depresión, frustracións mal xestionadas, traumas, falta de cobertura das necesidades materiais máis básicas, etc. A maiores, os tabús fan que as persoas enfermas non teñan acceso nin ferramentas para tratar o problema ou que nas súas familias non se aborde.

LECTURAS RECOMENDADAS POR BEA

Para min foi determinante a lectura de: “El drama del niño dotado de Alice Miller, sen embargo, toda a bibliografía da autora trata do maltrato infantil e dos seus efectos na sociedade así como na vida dos individuos. Por tu propio bien“, “La madurez de Evaou “El cuerpo nunca miente” son outros dos títulos que tiveron influencia en min.
Encantoume tamén o libro de Alicia KopfHermano de Hielo”, unha realidade ficcionada baseada na vida da autora e na de seu irmán, que ten unha discapacidade. É un libro que mestura historias paralelas e fala da súa experiencia como artista desde un lugar de moita sensibilidade. “Quien ama las fresas” de Clara Tanit, “Poncho Fue” de Sole Otero ou “Precariado. Una carta de derechos” de Guy Standing son outras das miñas lecturas favoritas.

Sete anos despois da conversa que mantivemos con Bea na Biblioteca Ágora, seguen de plena actualidade reflexións e sensibilidade arredor dun tema que afecta de maneira transversal ao conxunto da sociedade. É por iso que neste Día Mundial da Saúde Mental, dedicado desta volta á abordaxe no ámbito laboral, segue a ser precisa a súa normalización e visibilidade, ao tempo que reinvindicamos o coidado ás persoas enfermas e ás súas redes de apoio.

Parabéns novamente por este magnífico premio, agardamos con ansia a adaptación cinematográfica como curtametraxe de animación do “Corpo de Cristo“, que sabemos actualmente se atopa en fase de produción.

Grazas Bea e até sempre!

Acerca de evavieites

Descoñecido's avatar
Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

2 comentarios en ““Pensei que tiña algo que contar en relación á enfermidade mental, furgar nas propias lembranzas e ver que pasaba”

  1. Chelo R.G.
    Outubro 11, 2024
    Chelo R.G.'s avatar

    Gracias. Muy interesante.

    Enviado desde Outlook para Androidhttps://aka.ms/AAb9ysg


    • evavieites
      Outubro 11, 2024
      evavieites's avatar

      Grazas Chelo!

Deixar un comentario