Adrián León Pena (A Coruña 2005), vén de presentarse á avaliación de bachalerato para o acceso á universidade (ABAU) co obxectivo de comezar nun futuro os seus estudos de Psicoloxía na USC, mentres cursa o Ciclo Superior de FP en Desarrollo e Aplicacións Web.
Con el estreamos o mes de xullo na nosa secciónConversas con…despois de presentar na biblioteca o seu último libro “Memorias de un niño entre niños”, e ter participado ao longo do curso 2023-2024 no Club de Lectura Xuvenil “A Tribo”, que se desenvolve quincenalmente na Biblioteca Ágora.
“Considero a Psicoloxía como un coñecemento imprescindible para a vida. Gustaríame formarme como psicólogo para estar en contacto con persoas diferentes e poder axudar a esas mesmas persoas. Teño a intuición de que iso me faría feliz.”
A ESCRITA
Como xorde Pensamientos para una mente distraída? Para min a escrita é un desafogo desde hai anos no ámbito privado, mais en segundo de bacharelato decidín plasmar as miñas opinións. Resultoume moi difícil organizar os meus pensamentos nas primeiras páxinas, máis a unión entre desafogo persoal e intención de comunicar deron, aos meus dezasete anos, nunha síntese sobre temáticas diferentes.
É un libro curto e denso debido á espontaneidade dos escritos, trátase dunha toma de contacto para traducir pensamentos en oracións con sentido. Un experimento que sorprendentemente tivo máis éxito do esperado, enchéndome de felicidade e ambición para continuar.
“Escribín o primeiro libro “Pensamientos de una mente distraída” nunha época de moita lectura e interese no mundo da historia da filosofía.”
O último libro“Memorias de un niño entre niños”nace dun punto de inflexión recente onde tiven a necesidade de describir, a través dunha historia, os procesos mentais dun protagonista con altas capacidades. Quería dar a coñecer situacións como o acoso escolar, a depresión ou as torturas particulares dunha mente non controlada. Escribín o libro en poucos días e confío poder axudar a persoas que se vexan reflectidas na historia, por iso entendo que lles pode interesar a familias, docentes ou profesionais da psicoloxía.
Un momento da presentación do libro “Memorias de un niño entre niños” na Biblioteca Ágora o pasado mes de xuño.Un detalle da portada do libro publicado pola Editorial Pequeños Diamantes.
LECTURA E BIBLIOTECAS
Para min a biblioteca é un espazo de orde e tranquilidade, pero especialmente é un lugar onde podo descansar, quizais por iso foi o primeiro que pensei como opción de lecer cando me anotei no club de lectura xuvenil.
Interesábame ter novas experiencias e buscar outras opcións de entretemento, así que decidín buscar un club de lectura. Mirei entre diferentes alternativas e atopei A Tribona Biblioteca Ágora. Desde neno leo sobre distintos temas: filosofía, psicoloxía, misterio, terror, comedia, etc, e quixen entrar no club de lectura para descubrir libros diferentes. Teño por costume ler un pouco de todo, inda que me gustan temáticas de misterio, terror ou comedia absurda, en xeral, todas aquelas lecturas que son reto intelectual ou imaxinativo.
Outro motivo foi compartir bos momentos con persoas de idade parecida á miña, debater e escoitar outras opinións e perspectivas e ter novas relacións sociais, eses foron os principais incentivos de participar no club.
A miña experiencia dentro do club cumpriu as expectativas, foi divertido e enriquecedor grazas ao ambiente informal de xogo e lecer. Animo á mocidade, así como a calquera persoa con tempo libre, independentemente da súa idade, a aventurarse cos clubs de lectura, son moi recomendables.
REFERENTES
“Filósofos como Arthur Schopenhauer ou Friedrich Nietzsche son referentes filosóficos para min, mentres que polo lado do lecer, Robert Greene ou o teatro de Buero Vallejo son autores que me deixaron boa impresión. En literatura non teño preferencia de autores, adoito centrarme no contido e teño tendencia a separar obra de autor. De esquerda a dereita, Shopenhauer, Nietzsche, Robert Greene e Buero Vallejo.”
PETISCO PERSOAL
UN FILME: A comedia Toc Toc, de Vicente Villanueva.
UN LIBRO: Almendra, da surcoreana Won-Pyung Sohn. Novela que coñecín a través do club de lectura.
UNHA CANCIÓN: Lost It All’ de FabvL.
UNHA COMIDA: Xeado de sabor nube e cor azul.
Co verán por diante despedimos a nosa conversa con Adrián. Agardamos que o futuro estea cargado de enerxía para alcanzar os teus obxectivos, de seguro ilusión non che faltará.
Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.