Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“O traballo da reciclaxe é moi creativo, permite a expresión a través dos materiais”

O meu futuro próximo está cheo de novidades, estou embarazada do meu primeiro fillo, Iago Tonucci Varela, “un neno fillo de Europa”.

Na Semana Europea para a Redución de Residuos (18-26 de novembro) falamos coa psicóloga de orixe italiana Valentina Tonucci. Aproveitando a súa estancia no desenvolvemento de prácticas na Biblioteca Ágora, conversamos con ela sobre educación, cultura ecolóxica e re-utilización de produtos.

COÑECENDO A VALENTINA
“No cárcere atopei persoas de diferentes procedencias e con historias de vida moi distintas ás que lles apetecía transformar coas súas mans os materiais para convertelos noutra cousa”

Veño de Fano (Pesaro-Urbino, 1982), unha pequena cidade do centro de Italia pegada ao Mar Adriático. A miña familia vive toda alí, miña irmá é unha naturalista moi implicada coas temáticas ambientais que traballa nunha axencia de viaxes sostibles. Estudei Psicoloxía Clínico-Dinámica  na Universidade de Padua e cando rematei, fixen prácticas en adicións de substancias, neuropsiquiatría infantil  e saúde mental, colexiándome máis tarde como psicóloga.

Traballei de educadora en cooperativas sociais e logo tiven a oportunidade de estar no cárcere de Pesaro levando un grupo de mulleres que participaban nun proxecto de rehabilitación a través da construción de xoguetes eco sostibles. Durante tres horas á semana as presas xuntábanse para empregar materiais de descarte cos que construían xoguetes. Olfactory memory, cadeiras, animais de cartón, etc, os produtos vendíanse despois en eventos que tiñan lugar, por exemplo, na Biblioteca de San Giovanni de Pesaro ou nunha pequena tenda xestionada por voluntariado. Os cartos recadados retornaban a cada unha das mulleres para sostelas nun momento difícil.

“Debido á dureza do traballo no cárcere decidín, despois de dous anos, pasar a traballar na Ludoteca do Riuso, especializada en temáticas ambientais de reciclaxe de materiais, un traballo moi creativo que me permitía a expresión artística cos nenos e nenas a través dos materiais
A Ludoteca do Riuso abriu no 1999 e segue a funcionar a día de hoxe desenvolvendo proxectos creativos nas escolas infantís e nos colexios da cidade de Pesaro.  

A miña vida mudou o ano que vin de vacacións á Coruña e coñecín un mozo do Agra do Orzán, Carlos, do que namorei. Comezamos a estudar os respectivos idiomas e vernos por media Europa até que chegou a pandemia, foi nese intre cando decidín deixar a miña praza fixa en Italia e mudarme aquí. Foi un 11 de xullo de 2020, agora vivimos en Monte Alto e gústame a cidade. A parte menos doada de levar é o recoñecemento das titulacións académicas, aquí non podo colexiarme en Psicoloxía e ando coa homologación do título de Educadora Pedagóxica. É por iso que cursei o Ciclo Superior de Educación Infantil no CIPF Ánxel Casal, polo que estou coas prácticas na Biblioteca Ágora.

EUROPEAN WEEK FOR WASTE REDUCTION

Traballei moitos anos relacionándome coas temáticas ambientais cando non estaban tan de moda. Considero que o traballo de concienciación e respecto ao medio ambiente é algo que ten que ser cotiá, non se pode lembrar que temos un problema co cambio climático, cos residuos ou cos riscos hidroxeolóxicos unha vez ao ano, ou ao mes. É fundamental traballar estas temáticas coas nenas e os nenos desde idades temperás a través de comportamentos respectuosos, máis que con palabras.

A Semana Europea da Prevención de Residuos (EWWR) é a maior campaña de concienciación sobre a prevención de residuos en Europa. Impulsados polas autoridades públicas locais e rexionais, reúnen todo tipo de actores (cidadanía, escolas, empresas, ONG, asociacións) que organizan actividades para concienciar sobre a redución de residuos.
“En Europa o tema dos residuos é moi diferente de país en país e tamén de rexión en rexión dentro dos países. Non é o mesmo ir ao Norte ou ao Sur de Italia, por exemplo. Eu vivía no centro e tiñamos unha sociedade municipal que recollía dúas veces por semana o orgánico na casa, podendo multarte se non separabas ben os materiais; ao principio é algo que leva un pouco de tempo, pero despois é automático. Hai rexións no Norte que seguen o modelo alemán, e ti como cidadán pagas só a cantidade de “entullos secos” que produces, así que estás máis atento á hora de comprar obxectos con moitos envases non reciclables”.

A xeración total de residuos de envases na UE aumentou de 66 millóns de toneladas en 2009 a 78,5 millóns de toneladas en 2019 (ao redor de 173 kg por habitante). A Semana Europea da Prevención de Residuos 2023 centrarase nos envases por segunda vez na súa historia. Este tema segue sendo clave en termos de residuos producidos, que non se reduciron senón que se incrementaron co aumento do sector do comercio electrónico.

TONUCCI, UN REFERENTE

O mestre e pedagogo Francesco Tonucci tamén naceu en Fano, o noso apelido é común e característico da cidade. Tiven a oportunidade de coñecelo en persoa e de intercambiar correos con el porque traballaba de mestre e pedagogo no Concello, por certo, gústalle moito España e Galicia, aquí séntese moi querido. Hai máis de 30 anos que Fano se converteu na primeira Cidade dos nenos , e inda segue a festexarse cada mes de maio, poñendo en valor o proxecto internacional de participación cidadá que ten por obxectivo que os nenos e nenas sexan protagonistas da construción da cidade e que se deseñe tomándoos como medida.

Francesco Tonucci (Fano, 1940) tamén coñecido como Frato, é un pensador, psicopedagogo e debuxante italiano. Autor de numerosos libros sobre o papel dos nenos no ecosistema urbano e de artigos especializados en revistas italianas e estranxeiras.
Realicei moitos cursos en Reggio Children, unha institución escolástica referente mundial na formación de educadoras atelieristas, unha figura que apoia aos mestres no desenvolvemento das artes visuais e expresivas. Estiven traballando como “atelieresta” en seis escolas do Concello de Pesaro, sendo especialmente interesante o traballo en temas ambientais que desenvolve a escola “Salvador Allende” sobre os xardíns escolares e a outdoor education.
 
“Encántame o traballo co público infantil, por iso este mes de novembro desenvolvín un taller de Samaín na Biblioteca Ágora para crianzas entre 3 e 9 anos que tiña base na decoración de cabazas de papel e a lectura dun conto de Eva Mejuto: “Corre, corre cabaciña”.

BIBLIOTECA VERDE

Como lectora encántanme os libros infantís ilustrados, de feito, aquí en Galicia tedes moi boas editoriais; tamén as novelas policiais e os libros de pedagoxía cando teño máis enerxías. Tento ler en italiano, castelán e galego, inda que neste último por agora teño dificultade”.

Reutilizar os materiais é algo que será imprescindible porque non teremos bastantes materias primas para todas as persoas. O modelo que propoñen as bibliotecas é innovador porque pon ao dispor de toda a cidadanía recursos de forma case infinita, poderíase dicir que as bibliotecas fan moita reciclaxe e promoción dunha cultura respectuosa co medio. A biblioteca tamén é un lugar que educa: antes de todo respecta o material e tenta que dure o máis posible, ten coidado e recupera, fai que se utilice o máis posible e polo maior número de persoas, ás veces mesmo recupera materiais que son donativos en moi bo estado, e tamén se ocupa de reciclar os libros que xa son inutilizables.

Sempre me gustaron as bibliotecas e as librarías, desde a biblioteca escolar ás universitarias, as dos pequenos pobos e as modernas das grandes cidades. Para min son as modernas prazas da antiga Grecia, onde as persoas poden aprender e atoparse con outras; sobre elas gustoume o libro de Antonella AgnoliLle piazze do sapere. Biblioteche e libertá”.  Son lugares gratuítos, libres, onde podes atopar persoas cualificadas que poden axudarche a encontrar o que estás a buscar.

Como referentes da literatura infantil encántame Beatrice Alemagna, Suzy Lee, e clásicos Leo Lionni, Gianni Rodari e Italo Calvino. De pedagoxía estou a ler os libros da mestra Rosa Sensat e de cando en vez volvo abrir os de Emmi Pikler
De esquerda a dereita e de arriba abaixo a pedagoga Rosa Sensat, Leo Lionni, Suzy Lee, Emmi Pikler, Gianni Rodari, Beatrice Alemagna, Italo Calvino e Antonella Agnoli.
 

UN FILME: O carteiro de Neruda,  de Michael Radford.

UN LIBRO: Ensaio sobre a cegueira de José Saramago.

UNHA CANCIÓN: Via con me de Paolo Conte.

UN LUGAR: calquera praia pola mañá cedo ou no solpor.

UNHA INQUEDANZA: gustaríame que houbese máis respecto pola natureza.

UN DESEXO: máis igualdade.

UN PECADO: o ciocolate fondente.

UNHA COMIDA: Tortellini in brodo dei cappone con parmigiano reggiano.

Pois até aquí a nosa conversa, despedímonos compartindo a confianza de Valentina nas futuras crianzas e no seu compromiso polo medio. Moitas grazas polas túas reflexións e parabéns polo próxima chegada de Iago.

Un pracer!

Acerca de evavieites

Descoñecido's avatar
Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Deixar un comentario