Despois dun ano cheo de incertezas marcado pola pandemia e as restricións, finalmente este curso 2021 puidemos seguir facendo comunidade a través da nosa Biblioteca Vivinte. E foi na biblioteca Ágora que festexamos a semana do Día do Libro coas protagonistas máis especiais da nosa biblioteca humana. Unha escolma de libros de carne e óso para poñer en valor o diálogo entre as persoas e a vinculación desde o coidado e a descuberta do outro.
Non se me ocorre celebración máis fermosa para alumnado e profesorado do Agra I que esta proposta centrada nas persoas, nun ano especialmente difícil para toda a comunidade escolar . Feliz Día do Libro “Vivinte”!
Dicía o bibliotecario Edgardo Civallero que o valor das persoas libro reside en que perpetúan información de todo tipo de clase e educación social, contidos por outra banda que non aparecen recollidos nos estantes das bibliotecas porque as editoriais non lles prestan espazo nin atención e as bibliotecas non as inclúen nas súas coleccións. E nós quixemos afondar nese valor convidando a catro persoas a compartir experiencias co alumnado de 4º da ESO do IES Agra I, desta volta por mor da pandemia, nas aulas do Centro Ágora.
EMMA PEDREIRA, escritora
“Criéime entre dous mundos, o dunha aldeíña na que non tiña nin raíces propias pero que sentía miña, a dez minutos de Pontedeume e as Atochas-Monte Alto na Coruña. Aos doce anos pechamos aquela casa e quedei orfa do rural e daquela liberdade e aprendizaxe da aldea e da vila”, así comezaba Emma Pedreira a súa historia de vida compartindo co alumnado a súa sospeita de que aquela casiña do rural de seus avós foi a inspiración de Agustín Fernández Paz para o libro “Cartas de inverno“, unha anécdota que presaxiaba unha conversa ben interesante.
Afondando nas inquedanzas que mozos e mozas lle achegaban arredor do feminismo, Emma destacaba: “Nunca me gustaron as princesas Disney, iso de primeiro. Tampouco a idea da pasividade e o vitimismo das protagonistas dos contos tradicionais, ademais sempre estiven en contacto co pensamento feminista, porque na miña casa non se educaba de maneira diferente aos nenos e ás nenas”.
Tamén foron protagonistas da sesión a parte máis transgresora da autora, mestura da súa faceta de escritora coas “tolerías plásticas“, colaxes e videopoemas como “Di o meu psicoanalista“ que o alumnado desfrutou.
XULIA PISÓN, debuxante, ilustradora e autora de cómic
“Nacín na Coruña no 1985. Tiven unha infancia máxica de veráns no Valadouro que contrastaba co resto do ano na cidade. Na miña casa falábase galego e gostaba de xogar ao fútbol, así é que fora polo idioma ou polos roles de xénero, sempre me sentín algo diferente. De nova andaba algo perdida e iso reflectiuse nas decisións que fun tomando nos estudos. Do bacharelato de ciencias pasei ao de artes para finalmente rematar cursando Enfermaría; pero traballando como enfermeira había unha parte de min que me lembraba que estaba enterrada, así que retomei o debuxo de maneira case obsesiva para recuperar os anos de reprimir a necesidade de crear. Aquela sensación interior converteuse nun ruído estrondoso e decidín darme unha oportunidade. Tardei moito en atopar o meu camiño, pero finalmente matriculeime na EASD Pablo Picasso para facer ilustración“.
A conversa con Xulia foi unha montaña rusa de emocións que percorrían a súa vida e as vivencias compartidas co alumnado. Achegarse ao seu primeiro encargo importante como ilustradora facendo os cartaces das festas de María Pita, os tempos de coidado da súa avoa con alzheimer, ou os anos de enfermeira cos bosquexos de ilustracións nas horas de hospital, fixeron que a aposta vital de Xulia pola ilustración fora un referente claro para a mocidade con inquedanzas artísticas do Agra I. A honestidade das súas palabras e o agasallo de espirse ante os rapaces e rapazas parecéume o máis fermoso da sesión.
ANABEL COLAZO, debuxante de cómic e ilustradora
A sesión co maior número de escollas por parte do alumnado foi a da ilustradora Anabel Colazo. Nunha aula ateigada de público, compartiu a súa experiencia da residencia na Maison des Auters de Angouleme en momentos de confinamento, así como a elaboración do cartaz de animación á lectura de cómic para a Rede de Bibliotecas de Cataluña, un dos traballos que máis lle gusta.
“Nacín en Ibiza o 23 de marzo de 1993, alí vivín dezaoito anos até que marchei estudar Belas Artes na Universidade Politécnica de Valencia. A miña decisión de estudar Belas Artes naceu do medo a arrepentirme por non facelo, a pesar de non cursar bacharelato artístico. A medida que medraba interesábame cada vez máis por debuxar e contar historias, así que o paso natural era entrar na UPV, que ten unha variedade moi grande de asignaturas que cursar, incluíndo animación e cómic.
A posta en valor dun festival de cómic público e gratuíto como Viñetas desde o Atlántico foi un dos elementos que resaltou a ilustradora ibicenca, poñendo en destaque a rede de bibliotecas municipais coas súas coleccións de cómic, así como o amplo número de librarías da cidade, moitas delas especializadas no sector [ Alita Comics]. “En Ibiza o único que temos son dúas librarías en toda a illa”.
ALBERTO CERNADAS, músico e produtor
Na sesión co músico e produtor Alberto Cernadas a experiencia foi de horizontalidade e proximidade co alumnado, compartir a súa evolución no IES Fernando Wirtz até a escolla de estudos na ESMUC (Escola Superior de Música de Catalunya) onde apareceu nomeadamente a artista Rosalía, toda a actividade estivo centrada na música como elemento de creación e liberación persoal.
“Na Escola Superior de Música de Catalunya coñecín xente moi guai que facía músicas moi diferentes e comecei a interesarme pola música electrónica e a tradicional de Galicia. Ía a clase con Cibrán Seixo, co que despois traballei nun montón de producións. Con el vivín unha inmersión na música “tradi” e foi a través del que coñecín a Fran Barcia, que é a persoa que coñezo que máis sabe de música de Galicia”.
Aos poucos foron apareceron algunhas das preferencias musicais do alumnado: Lil Nas X, Ozuna, Boyanka Kostova, Hard GZ, Myke Towers, toda unha inquedanza de Cernadas para achegarse máis polo miúdo ás preferencias do grupo. Mesturar sons e bases a través de diferentes programas para crear novos temas foi outra das improvisacións desfrutadas pola rapazada. O uso das controladoras midi rematou finalmente transformando a sesión nun improvisado DJ Set. Un pracer que desfrutamos todas por igual!
Deixámosvos coa primicia de @crnds__ o tema Boa, feito a partir dunha muiñeira interpretada por Erminda Miramontes. Ogallá o desfrutedes como nós na sesión con Alberto.
GRAZAS a...!
Emma, Xulia, Anabel e Alberto, por sumar na construción da nosa Biblioteca Vivinte.
Iolanda e Milagros da biblioteca escolar do Agra I, por acompañarnos un ano máis na teima de vincularnos desde o coidado e a descuberta das persoas!
Bo Día do Libro para todas!
Pingback: LIBROS VIVENTES | Biblioagra