Hai unhas semanas, cando comezamos vivir este pesadelo social do confinamento, desde a Biblioteca Ágora, convidamos aos clubs de lectura e aos Programas de voluntariado cos que colaboramos habitualmente mediante “La Hora de la lectura” en Centros de día e Fogares, a colaborar na iniciativa ‘Cartas con Alma’, xestionada en Coruña pola Fundación María José Jove. Con esta iniciativa se pretendía que as persoas afectadas por coronavirus, ingresadas no CHUAC, recibisen o agarimo e o calor humano que tanto necesitaban, da man da súa cidadanía. Moitas desas mans, asemade, viven circunstancias persoais complexas, mais non dubidaron en achegar o seu apoio a esta causa común. A resposta foi tan inmediata coma sorprendente. En nada, vimos encher a caixa de correo con mensaxes cargadas de emoción, de sentimento, de ánimo.
Pincha na imaxe para ver máis información da iniciativa “Cartas con alma”
Eu son voluntaria nun deses espazos nos que o relato, a poesía, a reflexión e o debate, fan que cada luns a palabra escrita nos transporte a outros lugares e outros tempos. Pero estes días, lendo e transmitindo as verbas do meu grupo, emociónome especialmente. Malia as súas circunstancias e ás veces co engadido dun idioma alleo, brotaban palabras que facían voar ao territorio do futuro, ao país da esperanza, ao reino do mañá. Palabras escritas na distancia, pero desde o corazón e as mans confinadas no Fogar Boa Noite, buscaron un oco no cotián para intentar sentir o que aquelas persoas estaban a pasar, e para intentar –e lograr- aloumiñar e agarimar os rostros descoñecidos desas outras persoas, deses outros seres humanos anónimos tocados pola desgraza.
Só se pode dicir unha cousa. Unha palabra, que de seguro pronunciaron aqueles beizos hospitalizados: Grazas.