“A igrexa débenos ás mulleres restablecer a nosa dignidade por xustiza e por dereito”
Christina Moreira Vázquez naceu hai 54 anos en París, no seo dunha familia galega emigrada nos anos sesenta do pasado século á capital francesa. Licenciada na Universidade de Nanterre, comparte a súa profesión de tradutora e intérprete coa de presbítera católica romana, un ministerio que exerce ao servizo da Comunidade Cristiá do Home Novo na Coruña.
Nun dos momentos compartidos na biblioteca co alumnado de 4º da ESO
Das orixes e doutras inquedanzas
Veño dunha familia galega asentada no París dos anos 60, alí fun criada mentres me empababa de moitos valores cívicos e laicos procedentes dun país republicano: liberdade, xustiza, fraternidade. A eses valores que guiaron a miña nenez e adolescencia inclúo a maiores a fe cristiá. Con quince anos dou o paso nunha especie de neo-conversión e voluntariamente descubro o mundo da igrexa católica. Daquela ese mundo cumpría con todos os valores que precisaba: xustiza, liberdade, igualdade, fraternidade, saía a Igrexa daquel momento do Concilio Vaticano II. Gustoume esa igrexa que atopei sendo adolescente, unha igrexa onde todo o mundo tiña dereito a falar, onde faciamos o sermón entre todos, onde celebrabamos doutra maneira, palpábase liberdade e, cando un adolescente atopa un espazo así, namórase inmediatamente.
“Nese contexto descubro a vocación do ministerio sacerdotal que vía exercer aos homes, e descubro que esa igrexa tan marabillosa a min non mo permite por ser muller. Hai unha inxustiza, unha desigualdade, unha eiva profunda que fai que a metade da humanidade e das persoas bautizadas non accedan ao mesmo que os outros”
“Nós mesmas imos decidir o que facemos coa nosa vida, coas nosas comunidades, co noso futuro e co futuro da igrexa”
No 2000 descubro a existencia dun grupo de mulleres que reflexionan xuntas sobre o tema do sacerdocio na igrexa católica romana, varias son teólogas que propoñen ser coherentes co que queremos para nós mesmas e facer sen pedir permiso. Estas mulleres asócianse e solicítanlle a dous bispos que as ordenen, e finalmente nun barco no Danubio ten lugar a ordenación das que se converteron nas sete primeiras mulleres sacerdote en todo o mundo. A reacción da Santa Sede non se fai esperar e, como consecuencia, son inmediatamente excomungadas, pero iso non as arreda e o grupo segue medrando.
FEMINISMO como compromiso fondo
“Para min un punto de inflexión prodúcese cando no 2010 o Papa Bieito XVI promulga un decreto de delitos gravísimos onde recolle que igualmente grave é ordenar cura unha muller ou que unha muller celebre unha misa, que aproveitarse do rol de guieiro relixioso ou de mediador do sagrado para abusar dun pequeno ou dunha pequena, equipara en gravidade e en sancióna pederastia coa ordenación dunha muller ou que esta celebre misa. Tres anos despois disto son ordenada diácono na Coruña por unha bispa canadense en presenza da miña comunidade do Home Novo e, en marzo do 2015 trasládome a Florida (USA) onde son ordenada sacerdote”
“Para min é un referente a mexicana Marcela Lagarde. “A primeira vez que lle dis non ao outro estás a darte o primeiro si a ti mesma”. Marcela Lagarde nas BMC
O meu feminismo radica no feito de que quero para as mulleres un estatuto de humanidade, que as mulleres sexamos plenamente humanas e que deixen de especializarnos en roles até o punto de que xa non importe o xénero. Que cada quen poida ser o que queira, por exemplo no meu caso non son o que se esperaría dunha muller e o sufrimento que iso causa é fondo, por iso tamén estou moi sensibilizada coa loita LGTBI.
“O meu feminismo onde máis se reforzou foi lendo a historia de Xesús e como se retrataba ás mulleres no evanxeo”
As sagradas escrituras están cheas de historias onde Xesús trata ás mulleres non só como iguais, senón conferíndolles máis confianza, máis autoridade, seguindo os seus consellos e solicitándolles o seu parecer, onde vemos como mulleres fan que mude de opinión.
A curación da hemorroísa, de Paolo Veronese, Museo de Grenoble, S. XVI
“Xesús atopa nas mulleres unha dimensión moito máis grande de fe da que atopa nos homes. Na cruz foron elas quen aguantaron até o final, as que tiveron agallas para ir á tumba ao día seguinte e as que comprenden e descobren que a tumba baleira significa que el vive, foron as mulleres.
María Magdalena é quen está na orixe da fe de toda esta historia, non é Pedro nin é Pablo, é ela. Se ela non sae da tumba berrando como tola resucitou! hoxe non estariamos aquí, é así”
A UTILIZACIÓN PATRIARCAL DA TRADICIÓN CATÓLICA
Lamentación sobre Cristo morto, de Sandro Boticelli, Alte Pinakothek de Múnich, 1490-1492
O patriarcado nútrese do contido da tradición católica porque foi malinterpretado, capitalizado, utilizado por todas estas razóns na nosa sociedade patriarcal, machista, violenta. Urxe dicir que iso é unha impostura, porque Xesús xamais aceptaría un estatuto da muller por debaixo do varón.
O día que a Igrexa dea o paso de recoñecer a nosa igualdade, de poñerse de xeonllos e pedirnos perdón, igual comezará a haber máis homes que pidan perdón por bater non a un ser inferior, non a unha ferramenta de produción, non a unha galiña que dá ovos, que é como nos tratan os homes moitas veces.
“A Igrexa débemos por xustiza e por dereito ás mulleres restablecer a nosa dignidade e dicirlle ao mundo: señores, non somos galiñas, temos os mesmos dereitos e aportamos cousas valiosas ao mundo”
“Cando unha muller se decata de quen é, da súa valía, do que a fai feliz, é moito máis difícil que a violencia prenda nela”
A violencia de xénero aprovéitase de que non nos valoramos, non sabemos quen somos, non temos obxectivos na vida, enterramos os nosos soños. Dicirlle a unha muller que non persiga os seus soños, que son unha tontería ou unha tolemia é a primeira violencia.
Cando se bate nunha muller é resultado de anos de adestramento de pequenas cousas que aceptaches aos poucos e que son inaceptables en grandes doses. Acabas adestrada para deixarte someter antes que levantar a cabeza.
AS MULLERES DE CHRISTINA
María Magdalena e María de Nazareth, por ser precursoras na fe nun mundo mellor, modelo de mulleres libres e sabias, capaces de dalo todo polo seu soño, capaces de amar incondicionalmente e radicalmente libres no seu seguimento de Xesús, o home que me permite crer que un día homes e mulleres liberaranse xuntxs. Elas precedéronme nesa esperanza.
Magdalena penitente, colección Museo do Prado, s.XVII
Marie Curie, intelixencia e paixón, tesón e clarividencia ao servicio do saber. O meu colexio levaba o seu nome e o impacto de saber que levaba o apelido do marido foi para min un revulsivo que con pouca idade, xa me falaba de feminismo.
Pioneira no campo da radiactividade, foi a primeira persoa en recibir dous premios Nobel en distintas especialidades – Física e Química – e a primeira muller en ocupar un posto de profesora na Universidade de París.
Rosalía de Castro, inspiradora para una namorada das letras e das linguas que son, un modelo que un día gostaría de seguir, escribindo. Descubrina nos andéis da biblioteca da miña facultade de letras en París un día que a profesora de portugués me chamou “galega” con moi mala baba ao ler o meu apelido. Investiguei a sección dedicada ao galego e só había as obras completas de Rosalía, que devorei. Alí naceu a miña galeguidade, alí comecei a honrar as miñas raíces ancestrais e a comprender que ese insulto fixera emerxer historias esquecidas e dignidade, moita dignidade, xunguida a unha lingua que me pareceu música pura.
Rosalía de Castro (Santiago de Compostela, 1837-Padrón, 1885) poeta e novelista, considerada a grande poeta da literatura española do século XIX, representa xunto a Eduardo Pondal e Curros Enríquez unha das figuras emblemáticas do Rexurdimento. A súa obra Cantares Gallegos é a primeira grande obra da literatura galega contemporánea.
A miña filla Myriam: ledicia feita persoa, pura luz, forza e valentía. Tamén foi un soño feito realidade, un regalo que fixo moitas veces que a vida merecera a pena.
DE RECOMENDACIÓNS...
Un filme: Yentl (1983) ,con Barbra Streisand
Un libro: A Biblia
Unha recomendación musical: Laboratorium Piésni
Un lugar: o Mont Saint Michel
Un soño: O mundo un fogar
Deixámosvos coa música polifónica do grupo tradicional polaco Laboratorium Piésni que a nosa convidada compartiu con nós neste 8 de marzo. Desde aquí o noso agradecemento a Christina e todas as mulleres que fan posible que a loita continue.
Ánimo e forza a todas as incansables da nosa causa, a feminista!
Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.
Moitas grazas Consuelo por facernos chegar as túas valoracións. Desde a Biblioteca alegrámonos que che resulten de interese as persoas e testemuñas que compartimos con todas vós.
Saúdos
Interesante testimonio. Gracias.
Moitas grazas Consuelo por facernos chegar as túas valoracións. Desde a Biblioteca alegrámonos que che resulten de interese as persoas e testemuñas que compartimos con todas vós.
Saúdos