Un ano máis compartimos co alumnado do CEIP Plurilingüe San Pedro de Visma unha das actividades máis desfrutadas polos nenos e nenas de 3º de primaria, os roteiros polo barrio. Filosofía de descuberta, de posta en valor da contorna e de traballo coa identidade e a comunidade, todo nun.
“A miña fórmula foi implicalas no traballo coa comunidade”
Aproveitamos para destacar que este domingo tivo lugar en Dubái o terceiro certame do Global Teacher Prize, o coñecido como o Nobel dos profesores. A gañadora, unha canadense de 37 anos anos chamada Maggie MacDonnell que traballa desde hai seis nunha poboación inuit remota á que só se accede en avión.
Apaixoada do deporte e convencida da aprendizaxe baseada en proxectos, esta docente aplica unha práctica que consiste en ensinar ao alumnado a través de experiencias da vida real implicándoos en traballos coa “comunidade”.
Desde aquí a nosa noraboa polo proxecto, polo xeito de facer que compartimos e pola posta en valor dunha ensinanza que como tamén sinalaba Hanan Al-Hroub (profesora palestina gañadora da edición 2016) “O noso traballo non só é ensinar coñecemento, tamén temos que axudarlles a aprender a vivir a súa vida e dar ferramentas para que poidan resolver os seus problemas”
Nesta ocasión e por vez primeira, as dúas aulas titorizadas polas profesoras Mª Xosé (3ºA) e Marisol (3ºB) xuntáronse para coñecer o barrio e poñer en valor veciñanza e recursos nunha mañá na que quentou un sol propio do marzal.
“Marzo marzal, pola mañá cara de rosa e pola noite cara de can”
Os roteiros polo barrio discurren ao longo de toda a mañá con diferentes paradas que amosan espazos e recursos de referencia de cada un dos centros de ensino. O día 15 puxémonos en marcha coa fluorescencia dos chalecos, un mapa como ferramenta de traballo e a merenda ao lombo.
Para o CEIP Plurilingüe San Pedro de Visma o primeiro punto do seu roteiro tras saír da escola é o Centro Cívico, onde sempre nos recibe algunha das persoas que forman parte da Asociación de veciños Loureiro de Visma. O pasado martes foi Xosé, que compartiu co alumnado as actuacións que se desenvolven no marco da asociación, como a recuperación da memoria oral e fotográfica na que levan traballando varios anos ou todas as actividades que promocionan para veciños e veciñas.
De frente mesmo ao Centro Cívico e sendo emblema do barrio, dirixímonos cara a Igrexa de San Pedro de Visma. Como ilustra Peteiro na imaxe que toma por cabeceira o Blog da Biblioteca Escolar do centro, a igrexa é visible e recoñecible desde casa calquera punto no que dirixamos a vista e convértese en visita imprescindible na nosa ruta.
Alí está como cada ano Don Simón, ou Simón David Castro Uzal, un párroco entregado en dar a coñecer a fegreses e segrares o patrimonio relixioso e a historia compartida que constitúe o devir dunha igrexa que tivo a súa primeira expresión no Portiño e que froito de diferentes avatares rematou sendo substituída alá polo 1833 cunha construción no barrio de San Pedro.
Unha tiara patrimonio artístico e relixioso que preside o altar ou un busto ben visible no adro son algunhas das descubertas que nos fai Don Simón. E sí, o mesmísimo tío de Xosé Ramón Gayoso, o coñecido comunicador e presentador da televisión de Galicia que foi párroco desde o 1930 até o 1962 é a quen a veciñanza lle levantou unha estatua en homenaxe pola entrega cos fregueses durante máis de trinta anos. Aquí queda tamén o noso recordo Don Maximino Gayoso Varela.
Por vez primeira desde que facemos os roteiros polo barrio de San Pedro tivemos oportunidade de camiñar por beirarrúas transitables mentres nos dirixiamos cara o seguinte punto do mapa. O novo campo de fútbol chamado San Pedro de Visma Adolfo Suárez quedaba nas vistas do noso ollar desde a Casa Rectoral, e podiamos comprobar alegremente as melloras na humanización vial do percorrido cara o imprescindible Kung Fu Galicia. Da man de Juan Saldeño, o mestre por excelencia para todo o alumnado no que a artes marciais se refire, coñecimos unhas pinceladas desta disciplina chinesa. Son anos de colaboración na difusión do deporte como hábito saudable entre os máis pequenos e específicamente do kung fu como camiño para facer as cousas ben.
Precisabamos repoñer forzas e buscamos un espazo onde poder merendar mentres esperabamos a que o persoal do Observatorio compartira con todo o alumnado a solta do globo. Entre o Peruleiro e o Camiño do Piñeiral accedimos ao xardín meteorolóxico, e despois de xantar con ánimo puidemos observar o ascenso do globo sonda cargado de helio, e preparar todo o material para a medición nocturna, momento no que as preguntas acumuladas sobre o envío de datos de humidade, presión e temperatura recibiron resposta.
Biblioteca Ágora
Por último quedaba pechar un roteiro cargado de experiencias coa visita á Biblioteca Ágora. Polo camiño fomos compartindo opinións cos nenos e nenas do San Pedro e, mesmo había quen describía a saída como “a mellor excursión da miña vida”, era o caso de Artai, que precisou un pouco de descanso despois de tantas emocións e unha valoración tan positiva.
Coñecimos os espazos, descubrimos como facerse socix e mesmo probamos boa parte do mobiliario da zona de adultos, e claro, para cando descubrimos todos os recunchos que ten esta grande biblioteca era hora de tomar camiño de regreso ao centro.
Para nós cada experiencia que vivimos cos diferentes centros de ensino lémbranos a necesidade de seguir poñendo en valor todo aquilo que nos rodea e que conforma o que somos. As relacións entre centros, asociacións, persoas, docentes, alumnxs e biblioteca, a necesaria colaboración e o aproveitamento dos recursos de maneira conxunta é unha labor que ten a súa recompensa vendo a implicación do alumnado en cada saída.
Como sempre, grazas a todas as persoas que facedes posible a actividade: á AAVV Loureiro de Visma, a Xosé Ramón Calvete, a Xosé, a Don Simón, a Juan Saldeño de Kung Fu Galicia, a Chema do Observatorio Meteorolóxico, a Patricia Negreira da Biblioteca Escolar do CEIP San Pedro de Visma e por suposto, a Mª Xosé e Marisol, titoras implicadas capaces de sacar o mellor do seu alumnado.
Pola nosa parte, até a próxima, un pracer contar con vós!
Pingback: Coñecemos o barrio de Visma | Blog da biblioteca escolar do CEIP San Pedro de Visma