As bibliotecas escolares de Galicia acaban de publicar as súas recomendacións de lectura para o verán. O máis natural é pensar que as crianzas e a rapazada ten máis tempo para ler no período de vacacións. Sen embargo, non é só unha cuestión de tempo o que os leva a ler máis e mellor, senon tamén un ambiente propicio. Semella moi fácil imaxinar un neno ou unha nena cú arriba derriba da cama lendo, cabeza abaixo no sofá co libro no chan, entrando nunha biblioteca ás once da mañá ou xogando na eira dos avós con libros e construccións. E todo iso, é máis doado que aconteza no verán.
Así que esquezamos a premisa de que os nenos e nenas len en verán só porque teñen máis tempo, e sobretodo esquezamos que deben ler nas vacacións para afianzar os coñecementos acadados no período lectivo. Fagamos isto por moitas razóns, xa que resulta imprevisible, sorpresiva, envolvente e marabillosa a circunstancia sobrevida arredor da lectura.
Quizás por isto é que as bibliotecas escolares publican as súas guías de lectura, e de seguro que é a primeira razón polo que a Biblioteca Municipal Ágora acaba de enviar aos CEIP da contorna un boletín con recomendacións para os seus alumnos. Se vai darse un ambiente propicio para ler este verán, cremos que podemos aportar algo.
Non parece moi desacertado que as bibliotecarias intercedamos nas lecturas que chegan aos nenos e nenas, e á rapazada. Tratamos de ampliar o abano do imaxinario e mostrar obras altamente recomendables que fuxen de modas e de inventos editoriais. Queremos mostrar unha alternativa, e por iso a nosa escolla nada ten que ver co consumo; senón que está ligada á paixón, á esperanza, á forza e á curiosidade polos libros que van descubrir. E non hai mellor ocasión que facelo Agora: LECTURAS PARA VERÁN.