Recollemos as fermosas e sentidas verbas de Curros Enríquez dedicadas á grande poeta, para recoñecer ao símbolo máis representativo da literatura galega, Rosalía de Castro; e facemos nosa a condición de “Musa dos pobos” para abordar nas sesións coas ANPAS a figura por excelencia e icona da nosa cultura e idioma.
Dúas datas sinaladas coincidiron para ter feito desta escolla unha opción, por unha banda, a celebración o 21 de febreiro do “Día Internacional da Lingua Materna” e pola outra, a efeméride do nacemento de Rosalía de Castro un 24 de febreiro de 1837.
O reto era evidente, posto que achegar a figura da poetisa a nenos e nenas de catro a sete anos, constituía un desafío intenso pero fermoso. A música brindóuse como a mellor aliada e, o libro de Uxía, Rosalía pequeniña foi quen de permitir gozar da poeta sendo cantada polos máis pequenos.
Os temas máis recoñecibles e traballados foron “Rosalía Pequeniña” e “A Rosalía (no bico un cantar)”, que axudaron a amosar a nena coa que se identificaron de contado os máis pequenos; a Rosalía pirata, a fada…
Para introducir a vida da poeta e como foi a súa infancia, botamos man da obra editada pola Fundación Rosalía de Castro, de Helena Villar e Ángeles Ferrer. Con ela viaxamos a Ortoño e nese entorno rural coñecimos á galiña Rosalía e tamén a un dos seus veciños , Xan, que na procura dun Pedro rematou gabeando polas ponlas dun carballo e a saber como seguíu a historia…
Rosalía, de Helena Villar e Ángeles Ferrer, Fundación Rosalía de Castro
Onde está o poliño de Rosalía? de Pat Hutchins, Kalandraka
Xan o das fabas máxicas, adaptación de Xesús Carballo, Galaxia
Uxía, Rosalía Pequeniña, ilustración de Marina Seoane da canción de Xan
No percorrido polas inquedanzas da poeta, tamén descubrimos a realidade da emigración grazas ás vivencias de dous dos mellores amigos da Rosalía nena, que marcharon ao Brasil para traerlle unha historia da cultura oral que tiña como protagonista a unha nena india, pobre, que un día perdeu á súa boneca Curumín. Natureza, ecoloxía e sentimento para compartírmonos co millo que as tías de Rosalía lle daban para xogar e desfrutar dos recursos que o mundo da aldea tiña para o lecer.
Yaci e a súa boneca, conto popular do Brasil, editorial Juventud
Despedimos as sesións cantando Do mar pola orela mireina pasar, na fronte unha estrela no bico un cantar…E claro, só nos quedaba debuxar a estrela na testa para lembrar á nosa grande poeta. Foron tantas as debuxadas que de seguro, como di Begoña Caamaño no limiar de Rosalía pequeniña, quizáis todos e todas levemos unha Rosalía dentro, e por iso debemos coñecela e cantala.
Grazas ás ANPAS da nosa contorna (CEIP Raquel Camacho, CEIP María Barbeito, CEIP San Pedro de Visma) por teren participado outro ano máis no traballo en comunidade coa Biblioteca Ágora, a Ana especialmente, pero tamén a María, Iria, Basilio, Amalia, Natalia… Sen o voso traballo, non sería posible.
Curros veu a Rosalía soia nunha noite sen fin…
Pero vive en cada unha de nós, en cada verso, en cada estrela.
Ate sempre
Preciosas vivencias para los niñ@s y mayores de Rosalía. Enhorabuena.
Mil grazas Chelo polas túas palabras.
Para nós Rosalía é un referente e desfrutamos de vivila e achegárllela aos máis pequenos, sempre.