En entradas anteriores falabamos dos roteiros realizados polo barrio cos colexios San Pedro de Visma e Raquel Camacho e hoxe queremos achegarvos a nosa experiencia co CEIP María Barbeito.
Saímos os días 26, 27 e 28 de outubro co alumnado de 3ºB, 3ºA e 3ºC respectivamente. Desafíando a choiva, percorremos un total de oito puntos de interese do barrio co obxectivo de que nenos e nenas descubrisen e valorasen espazos, recursos e servizos que teñen no seu entorno mais próximo.
CEIP María Barbeito e Asociación de Veciños do Ventorrillo
O noso itinerario comezou no propio centro, onde fixemos o reparto dos mapas que nos guiarían durante toda a xornada. Aquí aproveitamos para lembrar a figura de María Barbeito Cerviño, para falar de porqué lle da nome ao colexio e para fixarnos no busto que hai á entrada na súa memoria. Nada mais saír do centro educativo aterramos no local da Asociación de Veciños, do Club Deportivo Unión Veciñal do Ventorrillo e da Peña Deportivista do Ventorrillo. Da man de Yasmine visitamos todos os recunchos da asociación, dende a sala de trofeos -incluso puidemos coller algún na man!- ata a biblioteca, a aula de informática ou o espazo onde se imparten clases como ioga ou taichi. Algúns dos nenos e nenas tiveron a oportunidade de aprender algunha postura de taichi, guiados por Manuel Aceña. |
Graffitis Parque Ventorrillo e Depósito de Auga
No Parque do Ventorrillo admiramos a beleza dos seus graffitis e descubrimos a diferenza entre arte e vandalismo, entre embelecer os espazos urbanos e destrozalos con pintadas que carecen de vontade artística. Á parte das explicacións, tamén houbo tempo para fotografarnos cunha das mais famosas tartarugas ninja. E falando de pintadas e graffitis chegamos ao Depósito de Auga, un dos elementos mais emblemáticos do barrio. Construído en 1970 e con 74 metros de altura, este depósito abasteceu a zona ata 1982, ano no que foi substituído polo de Pena Moa. Por vez primeira puidemos acceder ás súas instalacións, da man da Empresa Municipal de Augas da Coruña (Emalcsa). Escoitamos as explicacións sobre a importancia da auga e a historia do depósito e tivemos a oportunidade de ver a posta en funcionamento dunha bomba para o trasvase e suministro de auga. Os nenos e nenas mostráronse curiosos, realizaron unha chea de preguntas e desfrutaron da visita ao depósito, elemento estrela desta edición dos roteiros. |
Mercado Municipal das Conchiñas e Centro Cívico Novo Boandanza
Aínda emocionados, chegamos ao Mercado co obxectivo de aprender a mercar, distinguir diferentes produtos e valorar o pequeno comercio. Percorremos varios establecementos, entre eles a peixaría e a froitaría, onde puidemos probar ademais as saborosas fresas -grazas Manolo!. En Novo Boandanza recibiunos Iria, educadora social neste centro cívico. Amosounos os distintos espazos (comedor, sala de xogos, cociña, aulas de usos múltiples…) e explicounos os principais servizos e actividades que puideran resultar de interese para os nenos e nenas. Dende aquí, saímos cara á penúltima parada do itinerario, a nosa biblioteca. |
Biblioteca Municipal Ágora e estatua de Pucho Boedo
Despois de facer un percorrido polos espazos e atender á explicación sobre actividades e servizos que as Bibliotecas Municipais ofrecen, desfrutamos dun tempo de exploración libre. Algúns aproveitaron para consultar Cascarilleiro, o catálogo das bibliotecas, e outros para ler un rato. O último punto do roteiro foi a Praza de Pucho Boedo, onde falamos da figura deste mito da música galega.
E ata aquí o resumo dos roteiros deste ano!
|
Pingback: “Co graffiti, con calquera parte da cultura urbana, moita xente pode atopar un interese para o seu desenvolvemento” | Suma Ágora
Pingback: Roteiros en rede | Suma Ágora