Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

Celebramos coas ANPAS a diversidade

No noso país a data do 17 de maio ten unha referencia clara, a celebración das Letras Galegas. Desde 1967 este é o día do ano no que galegos e galegas poñemos en valor o feito de sermos un pobo con lingua e cultura de seu, a través tanto da homenaxe institucional a unha figura da nosa literatura como tamén da celebración cívica de actos reivindicativos e de divulgación cultural polo conxunto do territorio.

Mais a data, sendo para nós tan galega, coincide a nível mundial con outra á que queremos tamén traer ao primeiro plano e facer igualmente nosa: o día internacional de loita contra a homofobia, a lesbofobia e a transfobia. E isto é así desde o 17 de maio de 1990, momento no que a asemblea xeral da OMS aprobou a retirada do código 302.0 (relativo á homosexualidade) da Clasificación Internacional de Doenzas. É moi importante sinalar como, a pesar do recoñecemento da homosexualidade como unha manifestación da diversidade sexual, as lésbicas, gais, transexuais e intersexuais (LGBTI) aínda sofren na actualidade, de moi diversas formas, as consecuencias da homofobia. E iso é algo que nos agride a todas as persoas á marxe da nosa opción sexual.

 

867894

 

Na Biblioteca Ágora pensamos que contra as discriminacións, ademais de leis que protexan os nosos dereitos, é sempre conveniente aplicar a terapia preventiva da educación, o coñecemento e a cultura. E facelo, por certo, desde que somos ben pequeniñ@s e as nosas cabezas aínda non están contaminadas por prexuízos, tópicos e relatos discriminatorios.

A partir desa convicción é que se deseñou e celebrou nas últimas semanas, desde o grupo de infantil da Biblioteca, unha actividade orientada aos nenos e nenas de entre 3 e 6 anos dos colexios da nosa contorna, a través da ANPA do CEIP Raquel Camacho, da ANPA As Pedreiras do CEIP San Pedro de Visma e da ANPA Agarimo do CEIP María Barbeito.

Tratouse de tres sesións con tres grupos de nenos e nenas, nas que se abordaron a estima da condición propia, o respecto aos demais e a igualdade entre todas as persoas, a través de contos que tratan a temática da diversidade e da diferenza. Tres con tango, Elmer, Rosa Caramelo e A xoaniña e o seu puntiño foron as obras escollidas, sobre as que as nosas compañeiras construíron as súas sesións adaptándoas ás idades do alumnado.

 

post coeducación (2)
post coeducación (4)

O resultado foi, do noso punto de vista, moi positivo, especialmente polo gratificante que resulta comprobar a naturalidade e a normalidade coa que nenos e nenas participan das historias, con miradas limpas de prexuízos e quedando co fundamental: o amor entre Roy e Silo, os dous pingüíns macho protagonistas de Tres con tango; a vivencia da diferenza da cor de pel que experimenta Elmer con respecto ao resto de elefantes;  a rebeldía das “elefantas” de cor rosa caramelo fronte ás coercións que afogaban o seu día a día e a súa vontade de poder comportarse en igualdade aos elefantes machos; a autoestima recobrada pola xoaniña cando aprende a ver a súa diferenza sobre as demais xoaniñas como un elemento sen maior importancia.

post coeducación (3) post coeducación (1)

 Traballar en valores e tratar sen complexos e de xeito natural este tipo de temáticas co alumnado dos colexios da nosa contorna entendemos que é unha decisión que convén desenvolver e manter no tempo, empregando sempre como punto de partida eficaz as historias e os contos literarias cos que hoxe en día podemos contar bibliotecarias, pais e nais e profesorado. No noso caso é xa o segundo ano no que desenvolvemos esta iniciativa, e o resultado da experiencia anímanos a continuar coa liña comezada.

Por todo o anterior, neste 17 de maio, do mesmo xeito que animamos a todas as galegas e galegos a rexeitar as agresións contra a nosa lingua, pulamos porque a diversidade sexual e de xénero sexa contemplada como tal tanto na esfera social e educativa. Como dicía un coñecido lema de hai anos, somos diferentes, somos iguais! 

Acerca de xavier campos

Descoñecido's avatar
Traballo na Biblioteca Ágora, da Coruña. Interésame todo o que ten a ver coa cultura como ferramenta para o cambio social. Creo nunha Biblioteca que mire máis alá de si mesma.

5 comentarios en “Celebramos coas ANPAS a diversidade

  1. Lucía
    Maio 12, 2015
    Lucía's avatar

    Fantástico, pero non esquezades as bisexuais… o B de LGTB 😉

    • Lucía
      Maio 12, 2015
      Lucía's avatar

      LGBTI

      • xcampos
        Maio 12, 2015
        xavier campos's avatar

        Tes razón, Lucía! LGBTI

  2. Anpa Agarimo
    Maio 12, 2015
    Anpa Agarimo's avatar

    Ainda nos queda moito que andar, pero este tipo de iniciativas son o complemento perfecto para acadar o obxectivo. Hai que recordar que ainda existen países no mundo no que se condena coa pena de morte a persoas pola sua condición sexual. Moi triste.
    E xa sen sair do noso pais escoitanse noticias de acoso escolar homofóbico con risco de suicidio en adolencentes. Polo tanto non podemos baixar a garda, queda moito por facer, tanto no sistema educativo como no entorno familiar (este último fundamental).
    Graciñas polo voso traballo e por estas iniciativas.

    • xcampos
      Maio 13, 2015
      xcampos's avatar

      Agradécese moito a vosa reflexión, que compartimos por enteiro. Tanto o espazo familiar como o educativo son fundamentais para educar aos nosos nenos e nenas en valores de igualdade e respecto a todas as persoas. Aledámonos moito de que vos gustase…!

Deixar un comentario