Un dos proxectos máis consolidados da Biblioteca do conxunto dos que puxemos en marcha dentro da liña de traballo de relación cos nosos barrios é o que chamamos Libros Vivintes.
Como explicamos no seu día, trátase dunha adaptación á nosa realidade e posibilidades dunha iniciativa que tamén se desenvolve noutros territorios e que ten orixe en iniciativas de integración social das comunidades inmigrantes nos países nórdicos e na recollida e valorización das culturas dos pobos indíxenas no continente latinoamericano. A día de hoxe temos constancia, tamén, do desenvolvemento de libros vivintes noutras parte de Galiza e do Estado.
Na nosa Biblioteca levamos tres anos celebrando sesións de libros vivintes, sempre con alumnado do IES Agra I e cun resultado francamente positivo. Por poñer un exemplo, compartimos cos lectores e lectoras deste blog a avaliación realizada co alumnado participante en febreiro deste mesmo ano, na que lles preguntabamos por catro cuestións: opinión sobre a proposta de Libros Vivintes como actividade dirixida a alumnado de secundaria, interese que espertou neles a lectura dos textos dos Libros Vivintes, interese e valoración que lles causaron as persoas participantes e valoración do desenvolvemento da propia sesión.

Os resultados, sendo no conxunto altamente satisfactorios, tamén nos indican cuestións que debemos ter en conta no desenvolvemento do programa. Así, a adaptación dos textos á capacidade de comprensión lectora do alumnado, a capacidade comunicativa dos libros vivintes escollidos e a posta en común e o traballo previo na aula resultan factores especialmente relevantes para o óptimo aproveitamento desta experiencia.
En maio, catro libros máis
Para a edición de maio, que se vai desenvolver nas tardes dos martes 5 e 12, temos preparados xa catro novo libros vivintes (Qi, The Reformer, A luta continúa, Si, sifu) que vos convidamos a ler.

Nesta ocasión aproveitamos para introducir algunhas pequenas novidades, orientadas a provocar unha participación máis activa dos alumnos e alumnas no proceso de desenvolvemento do programa.
Despois de termos ido nas semanas pasadas ás aulas de 4º de ESO e de Diversificación, do 20 ao 25 de abril o alumnado lerá os catro textos e indicará, de xeito personalizado a través dun correo electrónico, cal relato lle interesou máis e polo tanto desexa descubrir o día da sesión na Biblioteca.
Sen podermos anticipar máis polo momento, o que si queremos é recomendar a lectura dos catro textos propostos, tanto polo interese humano que as catro historias entendemos que teñen en si mesmas como polo factor común que presentan: a superación persoal para facer fronte a contextos ou situacións adversas.
Se queredes saber máis…
Facémolo constar de forma de xeito habitual, e repetímolo de novo. Calquera cousa que queirades saber sobre o noso traballo só tedes que vos poñer en contacto con nós. No campo sociocultural o obxectivo debe ser, sempre, indicir de forma positiva nas persoas e nas comunidades e, polo tando, o enfoque do noso traballo pensamos que ten que ser cooperativo e relacional. Gústanos compartir experiencias, coñecementos e prácticas con vós, porque nos vai axudar a que traballemos mellor todos e todas, cadaquén no seu.
Se vos interesa o proxecto Libros Vivintes mandade un correo electrónico a librosvivintes@gmail.com ou vide vernos pola Biblioteca, e falamos!
Pingback: Catro historias máis para a nosa biblioteca vivinte | Suma Ágora