A figura de María Barbeito, pioneira da renovación pedagóxica en Galiza, é a que dá nome ao último centro educativo co que fixemos os roteiros polo barrio neste 2015. Ao contrario que cos CEIP Raquel Camacho e San Pedro de Visma, co María Barbeito era xa o segundo ano en que desenvolvíamos estes itinerarios pola nosa contorna, despois da fantástica experiencia de 2014.
Nesta ocasión, e de acordo coas responsábeis do centro, realizamos algunhas modificacións nos roteiros, que afectaron tanto ás idades dos participantes (en 2014 foran nenos e nenas de 5 anos, no 2015 xa de 8) como aos espazos que visitamos (con novas incorporacións de entidades e lugares). Sen a colaboración de todos eles, centro e entidades, non tería sido posible realizar esta actividade, motivo polo cal queremos deixar constancia, tamén aquí, do noso agradecemento.
Mais vaiamos directamente a facer repaso de cada un dos puntos que percorremos…
CEIP María Barbeito
Como co resto de colexios, comezamos sempre no propio centro de ensino e aproveitamos para coñecer máis da persoa que lle dá nome. Para iso contamos coa axuda das titoras dos diferentes grupos cos que facemos os roteiros, e tamén dos propios nenos e nenas, que nesta ocasión xa viñan ben informados sobre quen fora María Barbeito e sobre por que o colexio se chamaba desa maneira.
Centro Cívico Ventorrillo
Xusto ao carón do cole temos o Centro Cívico do Ventorrillo, espazo físico que, a pesar da súa cativa apariencia exterior, é un importante contedor de colectivos e de actividades, e todas ben interesantes. Da man de Yasmín, a persoa que amabelmente nos abriu e guiou todos os días, coñecemos as dependencias da Asociación de Veciños, do club deportivo Unión Veciñal do Ventorrillo e da Peña Deportivista do Ventorrillo, ademais de visitarmos a pequena Biblioteca, a sala de ordenadores (onde se realizan cursos de iniciación á informática para adultos) e os espazos multiusos que acollen tai-chi, pintura, pilates e outras disciplinas físicas e artísticas.
Graffitis do Parque do Ventorrillo
Unha das características do barrio son os seus recoñecidos graffittis, que varían anualmente de temática e que son realizados por encargo a artistas urbanos da zona. Dun deles, Brais, son os que están neste momento visíbeis, en homenaxe á serie de animación xaponesa As bolas do dragón, que popularizara nos anos 90, de forma masiva, o Xabarín Club da TVG . Con Son Goku, Pikoro, Mutenrohi, Vexeta e o resto dos súas personaxes fixémonos fotos de grupo, realizamos a “onda vital” para coller forzas e aprendemos de paso unha valiosa lección de civismo: os graffittis son arte, decoran e embelecen os espazos urbanos, mentres que a maioría das pintadas afean e ensucian as nosas rúas.
Depósito de Auga
Pertiño do parque temos o que é, sen dúbida, o elemento arquitectónico máis emblemático do barrio: o Depósito de Auga. Visible desde moi diferentes puntos da cidade, o Depósito que xestiona EMALCSA non cumpre hoxe a función coa que inicialmente foi construído, e permanece pechado a visitas. Aínda que tentamos xestionar o acceso ao seu interior, desta volta non foi posible, de maneira que nos conformamos con poñer en común, nos arredores, a información básica sobre a súa capacidade, historia e funcionalidade.
Praza de Pucho Boedo
Nos arredores quedamos tamén no caso da Praza de Pucho Boedo, por mor das obras de arranxo e embelecemento da zona. Mais o feito de non nos poder achegar fisicamente non foi obstáculo para a descuberta e goce da figura e das músicas deste conveciño universal, nado na aldea cercana da Silva. Pucho foi pioneiro no emprego da nosa lingua e na dignificación da nosa cultura no campo musical, e triunfou polo mundo adiante coas súas creacións e a súa voz chea de matices. Xuntos nenos, nenas e profesorado, ben pertiño da súa estatua, cantamos A Santiago Voy, un dos seus grandes clásicos, e conseguimos o sorriso e a emoción da xente que por alí perto pasaba nese momento.

Centro Cívico Novo Boandanza
O seguinte punto do roteiro foi o Centro Cívico Novo Boandanza. Chámase así porque até hai ben pouco no seu lugar estaba o edificio de Cáritas Boandanza, entidade coa que colaboramos na Biblioteca xa desde antes de abrirmos as nosas portas. No actual centro cívico recibíronnos Natalia e Iria, que nos mostraron as diferentes estancias e nos detallaron a oferta lúdica e formativa que desenvolven, ampla e para todas as idades, e que aproveitaron ademais para nos facer partícipes da campaña #DouOPaso, en prol da igualdade de xénero. Nós somos dos que xogamos xuntos nos recreos…!
Mercado das Conchiñas
Peixes sapo, coellos, polos, bertóns, mazás, queixos, laranxas, luras, pavos, … e un montón de nenos e nenas, que eran a novidade festiva e alegre da paisaxe habitual do mercado, confluímos os tres días de roteiro na praza das Conchiñas. Coa nosa chegada encheuse o mercado de boureo infantil, agradecido e sorrido polos presentes e que invadiu con naturalidade e curiosidade insaciable os postos de Maruja, Manolo, Carlos e outras e outros praceiros. Hai quen polo impacto prometeu facerse vexetariano, mais desde logo todos aprenderon a diferenza de mercar o que comemos nos comercios de proximidade a facelo nas grandes superficies e cadenas alimentícias. E é que nós non sabemos ser neutrais: apostamos claramente pola conversa amable, a seguridade na procedencia e a calidade no produto, todo o que nos dan as nosas tendas de barrio.
Observatorio Meteorolóxico
Medir a temperatura do aire, a cantidade de chuvia ou os datos atmosféricos non é algo complexo e afastado de nós, ou que unicamente poidamos ver na televisión. No noso propio barrio temos un centro meteorolóxico de importancia estatal, que podemos visitar para aprender un bo número de cuestións relacionadas coa climatoloxía e a atmósfera. E iso fixemos, por suposto, aínda que -para que negalo?- o que máis nos chamou a atención foi o globo sonda que se lanza dúas veces ao día, de forma simultánea, nun montón de lugares de todo o mundo. Un deses lugares é noso: o Campo da Burra, no Ventorrillo. E ben orgullosos que estamos. Algúns, despois de merendar, aínda seguimos a mirar o ceo, a ver se somos capaces de ver por onde vai, ou onde é que vai caer…
Biblioteca Ágora
E despois de tanto camiñar, aprender, preguntar, cantar, saltar e descubrir polo Ventorrillo e pola Agra rematamos o roteiro onde cumpría: na nosa Biblioteca. A Ágora quere ser casa común para contos, xogos, aprendizaxes, saberes, … pero sempre pensando na atención prioritaria ao noso entorno. Por iso nos nosos roteiros, ao chegarmos a ela, facemos primeiro unha visita guiada polo seu espazo e servizos, cun xogo de adiviñas e pistas que nos remite á sala infantil, onde xusto despois desenvolvemos unha sesión especial cun par de historias dramatizadas, que nos permitiron coñecer as orixes do topónimo da Coruña e a historia de Nicomedes, obra de Pinto e Chinto.
E para o ano, máis…
Até aquí os resumos dos roteiros polo barrio 2015, de certo intensos, animados e proveitosos. Nas avaliacións que estamos a facer cos centros de ensino participantes, e dos que en breve vos daremos conta, reflíctense estes adxectivos e tamén moitos outros matices e achegas que nos han permitir perfilar, conxuntamente, a proposta de roteiros do ano vindeiro.
Pola nosa banda estamos contentos e satisfeitos: a nosa vontade é traballar en relación á comunidade, dar un bo servizo á mesma e poñer ás persoas no centro da nosa misión como biblioteca pública. E se ademais de facer isto, o pasamos ben facendo as cousas ben, mel nas filloas.
Agora é momento de coñecer a vosa opinión, e de que nos digades que vos parece a nosa proposta.
Enhorabuena por la actividad.La mejor manera de aprender, conociendo en sito la realidad de nuestro entorno:”Una imagen vale más que cien palabras”.Después de 26 años de Maestra de Educ. Infantil en ese Colegio no puedo evitar emocionarme al recordarlo.
Chelo
Noraboa a ti por manteres a emoción intacta, e por tantos anos de traballo no campo do ensino. Aledámonos moito de que che gustase esta iniciativa!
¡Unha actividade maravillosa!Moi completa pois une a teoría e a práctica e ademais é moi motivadora para os rapaces.A Cultura non está soamente nos libros nin en Internet.tamén está no mundo que nos rodea.. Eu tamén emocioneime ao ver aos alumnos do´´ meu Colexio“ Teresa
Graciñas Teresa! Nós tamén somos desa opinión. O universal é o local sen paredes, que dixera Miguel Torga. É fundamental coñecer e valorar o que temos perto de nós,
(Cortouseme o comentario anterior) Estaba a dicir iso, que é fundamental, ao tempo que adquirimos coñecementos de carácter xeral e universal, sabermos ver, valorar e coñecer o que nos rodea no noso día a día. Iso tamén buscan os roteiros, en parte.