Esta fin de semana o comercio da Agra do Orzán foi protagonista nun dos xornais da cidade, La Opinión, a través dunha ampla reportaxe sobre a situación da actividade económica na zona de intervención do programa europeo Urbana C. No seu artigo o xornalista fala dun “barrio donde de 1.000 locales a pie de calle casi 300 están cerrados y al que un informe municipal ha dictaminado déficit de promoción y escasez de estrategia empresarial”, datos a partir dos cales desenvolve despois unha entrevista con José Manuel Castro, presidente da Asociación de Comerciantes Rúa Barcelona. A entrevista acompáñase dunha explicación do perfil dos compradores da zona e tamén das tendas e produtos máis habituais. A rúa Barcelona e o mercado das Conchiñas son os centros da actividade comercial do barrio da Agra do Orzán, como xa temos comentado neste blog nalgunha ocasión.