Pop, rock, world music, hardcore, blues, jazz, clásica, vocal, punk, folk, tradicional, … as moitas músicas que enchen as nosas vidas teñen presenza destacada na Biblioteca Ágora e medran no noso catálogo desde criterios de calidade e de diversidade. Non son mero ornamento. Están con todas as consecuencias. Soan -baixiño, mais soan- desde a apertura até o peche de cada día.
Buscámolas e facémolas nosas porque as precisamos. Máis aínda, se cadra, neste tempo poboado de incertezas, co frío asexante do futuro mirándonos desde os vidros da ventá semiaberta. Escoitamos en silencio, para nós. Ou escoitamos mentres lemos e relemos. Buscamos nelas a quentura do café confiando en Balzac, achegámonos con elas ao xornal na busca de Manuel Rivas ou Enric González, saudámolas no coche relembrando as viñetas de Jason e de Ralph König, nas idas e voltas dos romances de Lídia Jorge, no pouso dunha pasaxe libertaria de Antón Riveiro Coello ou nas conversas compartidas arredor dos textos de Dores Tembrás, Nikola Madzirov, Chus Pato. Na procura da beleza, da emoción, da conmoción. Todas as músicas posibles son nosas.
E queremos que ti as coñezas. Por iso estamos a preparar unha sorpresa, un proxecto sinxelo e humilde pero que ha servir para divulgar a riqueza do fondo musical das Bibliotecas Municipais da Coruña e achegalo a todas e todos vós. Nel teremos aos grupos e artistas de noso, os máis próximos e achegados, e tamén toda a riqueza musical planetaria á que poidamos chegar. Estade atent@s!