A aposta da Biblioteca Ágora polo traballo sociocultural e o fortalecemento dos vínculos co seu entorno -a través do deseño e desenvolvemento do proxecto Suma Ágora- está felizmente a ter continuación en diferentes iniciativas que van xurdindo co paso do tempo.
Aledámonos deste feito e queremos contribuír á difusión e ao bo desenvolvemento de todas elas. Resulta estimulante comprobar que aos poucos vai cambiando o enfoque e a perspectiva desde a que se pensa o traballo cultural. Cada vez fica máis clara a necesidade de traballar desde, con e para a comunidade, de forma sostíbel e favorecendo o protagonismo veciñal, o medre da autoestima e da cohesión social e a toma de consciencia sobre os valores dos lugares nos que vivimos, a partir do coñecemento da súa memoria, das súas historias e das súas xentes. Esa era a liña medular de Suma Ágora e tamén o é, aínda que cos sons e as músicas como elemento motor, do proxecto Música en Branco: memoria da Agra do Orzán .
Eles mesmos explican que Música en Branco “logo dun proceso de documentación, investigación e análise, está a piques de converterse nunha programación con oito liñas de actividades“. Tivemos ocasión de estar na presentación do proxecto, o pasado 20 de maio no Centro Ágora, e tamén de ver xa algunha das súas propostas, como estas estupendas Barriografías que coordina Xurxo Souto. Respaldado con fondos europeus FEDER, Música en Branco insírese dentro do marco de traballo do plan Urbana-C.
Como recolle o xornal dixital Praza Pública, “A Agra do Orzán convértese na primeira contorna barriografiada da historia”, reivindicou o músico Xurxo Souto, que lembra o “centro de diversidade” que supón un barrio con 30.000 habitantes, 689 por hectárea, o de máis densidade poboacional de Galicia e un co maior número de habitantes por metro cadrado de España e Europa, onde se xuntaron desde “as melodías dos anos 70” chegadas cos emigrantes das comarcas limítrofes ata os sons africanos dos moitos cidadáns senegaleses que agora habitan a zona, pasando antes por ser a orixe do rock e do folk feito na cidade. O resultado: “unha experiencia inaudita” que contará tamén cun mapa sonoro do barrio a partir das microhistorias da música recollidas polo proxecto, unha memoria das mulleres do lugar ou unha exposición final no centro Ágora que culminará unha iniciativa que comezou no decembro pasado e que finalizará este outubro.
Desde a Biblioteca Ágora desexámoslles o mellor a todas as iniciativas que xurdan de Músicas en Branco e animamos a toda a veciñanza a participar delas, como tamén doutras propostas que se están a deseñar nestes momentos, a través de colectivos diversos como a asociación sociocultural Abraio. Seguiremos a informar!