Un arcano é un segredo, algo reservado, misterioso, difícil de coñecer, recóndito. Sérvenos a aclaración para comezar a falarmos de Esplendor arcano, o primeiro libro de poemas de Ramiro Torres, autor coruñés -veciño destes barrios- e usuario asiduo da nosa Biblioteca.
En palabras do crítico Armando Requeixo, “dacabalo dun moi particular visionarismo literario e aleitando no ubérrimo surreal, este Esplendor arcano de Torres dialoga cos máis variados referentes, tanto de noso coma doutras latitudes, polo que non ha resultar difícil emparentar estes versos “poderosamente nus”, cheos de “matérias que desaparecem/ no adentro e renascem crateras” cos da lucense Olga Novo; e tampouco estrañará a súa parentela co sideralismo cobregueante dun Herberto Helder, o amatorio cinsento dun Quevedo —que aquí volve lembrarnos amar “até serem pó/ embriagado”— ou o Breton de máis decidido rauto en poemas manifesto como “Nós surreal”, por amentar tan só algúns dos compañeiros de viaxe.”
A edición da obra, que vén de ser presentada hai unhas semanas, corre a cargo do autor dentro do proxecto colectivo do Grupo Surrealista Galego Xalundes, do que o propio Ramiro Torres é un dos máximos dinamizadores.
GSG VIDEO ESPLENDOR ARCANO from MrEIDANPELIS on Vimeo.