Somos un pobo de artistas, explica decote con vehemencia, intelixencia e paixón o noso Xurxo Souto, escritor e músico de Monte Alto que leva xa anos de veciñanza no Ventorrillo. A densidade e variedade de talento existente nos nosos barrios, antes e agora, semella confirmalo.
A compañía Manicómicos, a compañía Danthea e a sala Gurugú, a iniciativa teatral de aprendizaxe de linguas Katarsis, a empresa Algarabía Animación, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, … están radicadas na zona e desenvolven nela traballos e propostas diversas.
Os barrios Ágora acolleron e acollen tamén festivais e eventos diferentes e especiais: a Festa da Diversidade Cultural, protagonizada polos colectivos inmigrantes e sociais da zona, ou o Festival Artístico Paralelo 43º 21′ 45”, que a través dos comercios e dos espazos urbanos mostra fotografía, pintura, creacións plásticas, música ou obradoiros artísticos aos veciños e veciñas.
Mais a Agra, a Silva, o Ventorrillo, Visma, … son sobretodo música. A música de Pucho Boedo, a música das festas lembradas polas estupendas orquestras que se podían gozar na Silva ou no Ventorrillo, a dos gaiteiros da contorna, a da Agrupación Os Concheiros, a do líder de Luar na Lubre Bieito Romero tocando a gaita nas pistas do Ventorrillo, as proposta funk e jazz de Álvaro Muras, o hip hop galego senegalés de Axlubix, as dos rapaces e rapazas que hoxe ensaian nos locais que existen, …
E coa música, a palabra. A escrita do Ágora, da súa Biblioteca, da nosa e vosa, na que conviven as voces coruñesas e universais de Pilar Pallarés, Miguel Mato Fondo, Xabier Cordal ou Xabier Docampo coas do senegalés Léopold Sédar Senghor, o uruguaio Eduardo Galeano, o marroquino Mohamed Chukri ou a española Belén Gopegui.
Tamén cinema: da Agra saen as curtametraxes de difusión internacional do mozo Fran Calvelo (Carabás, Crisálida, Santiago de Sangre, …). E do Ventorrillo o documental de Xurxo Souto sobre Pucho Boedo (Pucho Boedo, un crooner na fin do mundo).
E baile e danza (galega, clásica, oriental, …). E blogs. E graffitti. E novas expresións de arte urbano. E …
Con todo, nada máis importante que a propia historia e identidade dos lugares e das xentes que conforman estes barrios. A pegada da vida, as marcas no territorio, os nomes dos lugares, as experiencias vividas que fican na memoria, … A cultura como espazo de cohesión social e de sentido de pertenza.
A cultura que nos interesa en Suma Ágora e queremos poñer en valor.
Pingback: Músicas Posibles | Suma Ágora