Densidades urbanas
Castigada por cemento sen control e por falta de atención durante décadas, mais orgullosa de si mesma. Solidaria, activa, capaz de erguer a palabra para dicirse e facerse escoitar. Así é a Agra do Orzán, o corazón das zonas de influencia que atendemos desde a Biblioteca Ágora.
A caótica forma de crecemento e urbanización deste barrio, por aluvión, sen planificación controlada, con alturas e densidades excesivas, caracterizou o vivir nesta zona durante décadas e aínda a marca de forma moi notable hoxe.
Delimitada polas dúas rondas –a de Nelle e a de Outeiro- e coa Rúa Barcelona como nervo central, o espazo público viviuse ao redor da actividade comercial das Conchiñas, da Vila de Negreira e da propia Rúa Barcelona, á espera das actuacións futuras que se poidan facer no parque do Observatorio, para o converter en espazo público de toda a veciñanza.
A finais dos 70 e comezos dos 80 desenvólvese e urbanízase a zona do Ventorrillo, unha zona fundamentalmente residencial con zonas verdes, espazos públicos e equipamentos colectivos, mais con calidades construtivas moi diversas. O Ventorrillo vén sendo continuación e complemento da Agra e conta, no seu estremo, con dúas zonas de moi marcada identidade: Katanga – bloques de vivendas lineais e paralelas á Ronda de Outeiro, que debe o seu nome popular á guerra do Congo de comezos dos 70 – e Mariñeiros –un conxunto de vivendas dos anos 50 moi vinculada, sociolaboralmente, ao mar e á venda de peixe-.
Tanto Katanga como Mariñeiros conservan hoxe, a pesar das transformacións inevitables que provoca o paso das décadas, identidades marcadas e dinámicas sociais de barrio, que as fan especialmente interesantes dentro da densa trama urbana da Agra do Orzán.
A pesar da súa desorde e dunha contorna urbanística violenta, cómpre recoñecer e destacar que a Agra do Orzán foi capaz de asumir con relativo éxito a masiva chegada de inmigrantes chegados do rural galego, primeiro, e de novas xeracións procedentes de América e de África, despois. O barrio integrou á poboación chegada de fóra e construíu unha identidade, un ritmo e un carácter propio, a valorar e a defender.
Se a Agra e o Ventorrillo representan a faciana máis característica da densidade urbana e do urbanismo descontrolado, as parroquias e lugares da Silva, de Cances e de San Pedro de Visma perviven como vestixios dos espazos rurais -ou xa case rururbanos- ao carón do espazo edificado, nas súas costas, atrapados entre a intensidade da edificación e as estradas que cortan os seus territorios.
O espazo rural é espazo libre, non planificado, aberto. A estrutura rural é de vivendas unifamiliares con hortas e patios, sen beirarrúas, adaptadas á orografía.
O medre da cidade e a absorción dos núcleos rurais supuxo transformacións evidentes para os seus habitantes e para o propio territorio. Modificou a paisaxe natural mais, tamén e sobre todo, os hábitos de vida. Impuxo nomes de lugares, onde o comercial arrasou co patrimonial, que cómpre reestablecer e preservar para gardar a memoria de séculos: Gramela, Barral, Caldemoreiras, Loureiro, … Cambiou condutas sociais e hábitos: péchanse as portas das casas das aldeas, parte da veciñanza non é tal –habita pero non vive o territorio-, deixan de ser as festas do lugar espazo compartido de encontro, …
A cohesión social, neste novo contexto, sofre mudanzas importantes e xéranse rupturas xeracionais entre o mundo rural e integrado da xente maior e o rururbano e desestruturado dos seus netos e netas. O papel da cultura, neste sentido, volve ser determinante para o encontro e a cohesión social.
Pingback: Somos de aquí | Suma Ágora