Con ela falamos este 8 de marzo, Día Internacional da MullerTraballadora, na nosa sección Conversas con… da súa historia persoal, da importancia de dar voz ás mulleres recluídas no Padroado de Protección á Muller e de poñer luz para reparar o dano de quen pasou por esta institución.
O Padroado de Protección á Muller, orixinalmente Padroado Real para a Represión da trata de brancas, foi unha institución española pública activa entre 1902 e 1985, dependente do Ministerio de Xustiza.
BELÉN EN PERSPECTIVA
As miñas orixes están entre A Coruña, de onde é natural miña nai e Lugo, o lugar de procedencia de meu pai. Na casa dos meus avós paternos falábase galego, pero non con nós. Por unha banda, era un idioma censurado pola ditadura para o seu uso educativo, formal e regrado e, pola outra, teño a certeza de que a miña familia pensaba que non falarme en galego era o mellor para min. Cando tocaba non fun boa estudante e logo, tomei a iniciativa de viaxar polo estranxeiro. Ao regreso desa experiencia fixen Traballo Social e agora veño de rematar o Grao de Filosofía.
Tiven ocupacións moi variadas, nos meus primeiros anos laborais fun traballadora en grandes almacéns, camareira, promotora, acomodadora nos espectáculos de José Luis Moreno, educadora social, técnica de emprego… Pero inesperadamente decidín presentarme ás probas para ser auxiliar de voo e finalmente foi ao que me dediquei os últimos 24 anos. Actualmente estou prexubilada.
Na miña vida hai dous momentos que marcaron a toma de conciencia como mullere como feminista. O primeiro deles foi arredor do 1975 cando, sendo nena e estando enferma, escoitei unha conversa na que meu pai prohibía a miña nai aceptar un traballo co pretexto de atender á familia e ás responsabilidades da casa. Lembro miralo calada e confusa sen poder expresar en palabras o que pensei. Non fun quen de pronuncialo até moitos anos despois. Sempre pensei que ter un pai machista fixo de min unha feminista con tan só sete anos.
Outro dos momentos chave na miña vida foi a aprobación da Lei Orgánica 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, impulsada polo goberno de José Luis Rodríguez Zapatero e aprobada por unanimidade en decembro de 2004. Para min foi un fito pioneiro en España, posto que buscaba previr, sancionar e erradicar a violencia sobre as mulleres como unha expresión máis da desigualdade.
A EXPERIENCIA DA INVESTIGACIÓN
“En pouco menos dun mes a Deputación da Coruña publicará un libro sobre o meu traballo. Faime moita ilusión, tamén para seguir investigando as malas praxes que as congregacións relixiosas e o Tribunal Tutelar de Menores levaron a cabo con aquelas mulleres recluídas até o ano 2000, por certo, seguindo a mesma pedagoxía de sometemento que en 1941.”
O Plan de Estudos de Filosofía na UNED foi unha decepción, apenas tiñamos mulleres no programa curricular. Estando en Madrid tamén me dei conta que case non había estudos da Residencia de Señoritas, o primeiro centro oficial destinado a fomentar o ensino universitario para mulleres en España. Paréceme sorprendente que a día de hoxe siga a ser un manual universitario básico a “Historia da arte” de Gombrich que só chegou a incluír a Käthe Kollwitz como muller artista. Descubrir ás Guerrilla Girls, ás Mulleres da Xeración do 27 ou a primeira vez que lin algo sobre o Padroado de Protección á Muller, só fixo corroborar que a transmisión histórica esquecérase das mulleres de forma deliberada.
As Guerrilla Girls son un colectivo anónimo de artistas e activistas feministas, creado en Nova York en 1985, que utiliza máscaras de gorila e tácticas de “guerrilla” (carteis, humor, estatísticas) para denunciar o sexismo, o racismo e a desigualdade no mundo da arte, o cinema e a cultura.Imaxe das SIN SOMBRERO tomada da publicación “Las Sin Sombrero: las mujeres olvidadas de la Generación del 27 que completan la historia que nos contaron”, de Saioa Iglesias. Recóllense nomes e fotografías de: Ernestina de Champourcín (poeta), Concha Méndez (poeta e editora), Josefina de la Torre (poeta, escritora, cantante e actriz), María Teresa León (escritora), Carmen Conde (escritora e mestra), Rosa Chacel (novelista), Mada Carreño (escritora), Silvia Mistral (escritora), Lucía Sánchez Saornil (poeta), Elena Fortún (novelista),Luisa Carnés (novelista),Consuelo Berges (escritora e tradutora), Carlota O’Neill (xornalista, novelista e dramaturga), Margarita Nelken (política e escritora), María Dolores Arana (poeta e ensaísta), María Zambrano (filósofa), Maruxa Mallo (pintora), María Blanchard (pintora), Ángeles Santos (pintora e artista gráfica), Delhy Tejero (artista plástica), Margarita Manso (pintora), Rosario de Velasco (pintora), Marga Gil Roësset (poeta, escultora, pintora e artista gráfica).
POÑER EN VALOR O #8M
Sinto empatía por aquelas mulleres que foron quen de manifestarse e ser altofalante, inda tendo todo en contra. O meu xeito de poñer en valor o #8M é dando voz ás mulleres que sobreviviron ao padroado e que poden contar en primeira persoa o que alí viviron. Para iso, desenvolveremos unha actividade intensa en toda a comarca da Coruña, pasando o día 4 de marzo polo Ateneo de Ferrol, o día 5 na sede da CGT (Confederación Xeral do Traballo) na rúa Entrepeñas, o día 6 de marzo ás 19:30 na Fábrica de Oleiros e o vindeiro día 9 na sede de CCOO (Comisións Obreiras) na Coruña.
Máis aló diso, o vindeiro mes de Xuño terá lugar a inauguración da exposición na Casa Museo Casares Quiroga sobre O Padroado de Protección á Muller que pechará o 30 de Xullo coa representación da obra: “Non precisamos de perdón” no Teatro Colón.
BELÉN RECOMENDA...
UN FILME: “Las cosas que nunca te dije” de Isabel Coixet.
UN LIBRO: “Mulleres na guerrilla antifranquista galega” de Aurora Marco.
UNHA CANCIÓN: “Madrid nos pertenece” de Biznaga.
UN LUGAR: A praia de Vilarrube (Valdoviño).
UNHA INQUEDANZA: A necesidade de que esta mensaxe chegue á xente nova con discursos fascistas perigosos froito do descoñecemento e a manipulación.
UN DESEXO: A concordia e empatía das elites que nos gobernan.
UN PECADO: Ser fan de Bad Bunny?
UNHA COMIDA: A empanada de millo.
Grazas Belén!
Por compartir a túa experiencia persoal, por poñer voz ás mulleres do Padroado e devolverlle a dignidade facendo visible o abuso do nacionalcatolicismo e do patriarcado sobre elas.
Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.