Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“Un dos momentos máis especiais da Artabros Crossfit foi a viraxe lingüística cara ao galego”

Galeguizar os nosos nomes e apelidos tamén é un acto de xustiza e reforzo da identidade“.

Como cada 21 de febreiro, desde as Bibliotecas Municipais da Coruña poñemos en valor o Dia da Lingua Propia ou Día Internacional da Lingua Materna, co obxectivo de promover a diversidade lingüística, aeducación multilingüe e o recoñecemento das linguas nativas.

O emprego de Día da Lingua Propia, no canto de lingua materna, busca desmitificar a carga romántica da “maternidade” na linguaxe, explorando a complexidade de como se adquiren e viven as linguas en contextos de desigualdade, ao tempo que cuestiona a carga de xénero do termo, sinalando que confina a responsabilidade da linguaxe ao ámbito privado e de coidado feminino espertando a reflexión sobre se a lingua é a da nai ou a da contorna.

Para destacar a importancia da lingua na identidade e na cultura, máis aló da filiación coa figura materna, na sección de Conversas Con… do blog Suma Ágora falamos con Telmo Celeiro Vázquez, veciño do barrio, adestrador, psicólogo e propietario da Ártabros CrossFit, primeiro espazo da Coruña en impartir esta disciplina protagonista dunha viraxe lingüística cara ao galego.

Fundei a Ártabros CrossFit no 2014, posto que achaba que había de resultar marabilloso crear unha comunidade de persoas que se motivasen a ter unha vida máis activa, saudábel e plena“.

TELMO CELEIRO VÁZQUEZ

Nacín en 1989 e medrei entre Elviña, Monelos e A Zapateira. No 2007 marchei para Santiago estudar Psicoloxía, co propósito de aprender máis sobre a mente humana e o desexo de me especializar no eido clínico da psicoterapia e ser así de axuda para outras persoas. No en tanto, en 2012, namentres realizaba as prácticas da carreira, comecei a me formar como adestrador de CrossFit. Fundei a Ártabros CrossFit no 2014 e nesta altura, compaxino ambas disciplinas facendo parte da Unidade Venres Clínicos, dispositivo de atención psicolóxica e de investigación da Universidade de Santiago de Compostela e coordinando o devandito centro deportivo.

“A creación da Ártabros foi unha aventura cargada de agarimo e ilusión. Alén diso, tivemos moita sorte de ter persoas que foron confiando en nós e sumando acotío para faceren da box un lugar mellor. Porén, non vou mentir, tamén houbo algún momento complicado e de me reformular certas cousas.  Cando Ártabros veu ao mundo, eu contaba con 24 anos.”
Ártabros CrossFit

O noso desexo é, dende que abrimos até que fechamos, facer que toda persoa que entra pola porta desfrute da mellor hora do seu día. Todo vira arredor de promovermos a saúde das persoas que nos depositan a súa confianza, xerarmos relacións interpersoais positivas e que a experiencia de pertencer á nosa comunidade vaia mesmo alén do deportivo.  A día de hoxe, podo dicir que unha parte importante das miñas amizades e relacións significativas son froito de Ártabros, sendo o CrossFit un punto máis de unión entre todo o que partillamos.

Imaxe da equipa da Ártabros CrossFit, primeiro box oficial de Crossfit na Coruña.

“Un dos eventos canónicos na coordinación do centro veu determinada pola viraxe lingüística cara ao galego. Nun centro coma o noso, en que moitos son os países e culturas que teñen representación, ao feito de utilizarmos exclusivamente a nosa lingua en toda comunicación escrita, súmase que a maioría da equipa realiza o seu labor profesional no idioma de noso, malia que hai só 3 anos o dominio do castelán era absoluto

Unir deporte e lingua é pouco habitual. En primeiro lugar, por unha inercia imperante que, infelizmente, empurra a que se lle dea prioridade ao castelán sen ningún tipo de reflexión arredor das consecuencias disto. En segundo lugar, polas políticas linguófobas que, dende o 2009, están a imperar por parte dos gobernos da Xunta. En terceiro lugar, o fracaso da normalización lingüística nas universidades galegas, entidades que están a fallar na súa función de formar o alumnado para ser quen de levar a cabo a súa práctica profesional na lingua propia. Con esta base, é máis difícil mudar a situación e normalizar o seu uso, mais é posíbel e animo moito a facelo. A disposición da inmensa totalidade da poboación galega é positiva e apreciativa cara á nosa lingua e cultura, polo que a súa solución é algo que nos atinxe a todas nós.

SON NEOFALANTE

“Ao meu bisavó, mesmo antes xa da ditadura de Franco e como a moitos galegos e galegas durante séculos, obrigárono a trocar o seu apelido”.

A chamada a ser galego-falante “a tempo completo”, veu determinada por unha conciencia de xustiza histórica e a fonda vontade de vivir na nosa lingua propia.  Na realidade, foi un camiño ao longo do tempo, mais o momento de activación tivo lugar durante a gravación dun podcast cun bo amigo meu que é catalán. Durante a mesma, preguntoume se impartiamos as aulas en galego e, pobre de min, respondín que “poucas, por non dicir case ningunha, porque na Coruña a xente fala pouco galego. Segundo me escoitaba, decateime do ignorante e obtuso da miña resposta. Quen vai falar o noso idioma, senón o facemos nós? Polo que, os tempos foron chegados, e decidín comezar esta andaina da que foi, alén de dúbida calquera, a miña mellor decisión até a data: darlle sentido á miña vida en galego.

A miña mellor decisión até a data foi darlle sentido á miña vida en galego“.

Outro exemplo disto ten a ver coa historia familiar e a necesidade de restaurar o meu apelido. Ao meu bisavó, mesmo antes xa da ditadura de Franco e como a moitos galegos e galegas durante séculos, obrigárono a trocar o seu apelido. A súa familia apelidábase Celeiro, palabra nosa onde as haxa, mais nunha viraxe máis da historia castelanizante, no rexistro mudáronllo a “Cillero”.

Galeguizar os nosos nomes e apelidos tamén  é un acto de xustiza e reforzo da identidade.

DAS PREFERENCIAS DE TELMO

Aínda que nos meus estantes se atopan multitude de libros de variados xéneros, no entanto, ocupan un lugar especial a literatura latina (unha das miñas maiores paixóns é o estudo do latín), a novela histórica, así como manuais de psicoloxía. Sexa como for, algunhas das miñas escritoras e escritores favoritos non entran dentro deses marcos.

UN FILME: Past Lives de Celine Song.

UN LIBRO: Avelaíñas Eléctricas de Sica Romero.

UNHA CANCIÓN: O Noso Tempo de Hugo Guezeta.

UN LUGAR: Unha casiña branca na mariña entre os loureiros.

UNHA INQUEDANZA: A normalización da diglosia.

UN DESEXO: Unha Galiza coa súa identidade sempre forte e vizosa, chea de persoas orgullosas de vivir e camiñar polo mundo como o que somos, galegas e galegos cunha cultura e lingua de noso.

UN PECADO: As bolachas Príncipe…

UNHA COMIDA: Shepherd’s pie.

Grazas Telmo!

Por compartir as túas reflexións e experiencias persoais, por destacar a importancia da lingua na identidade e cultura galega e por facer parte da nosa biblioteca humana na vindeira edición de Libros Viventes.

Foi un pracer! Até pronto!

Acerca de evavieites

Descoñecido's avatar
Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Deixar un comentario