Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“Os libros devólvenme a vida”

“A biblioteca é o meu refuxio. Aquí son libre”

Comeza 2026 e seguimos coñecendo veciñanza que desfruta dos servizos e recursos da biblioteca e que fai do Día das Persoas Usuarias unha data especial no seo da comunidade.

Coa finalidade de descubrir e aprender das persoas da nosa contorna, este 11 de xaneiro conversamos con Mar Pérez Ojén (A Coruña, 1970), veciña do barrio, usuaria fiel e gran lectora, que compartiu con nós a súa experiencia de vida e o valor que as bibliotecas municipais teñen no seu día a día.

Mar foi diagnosticada de esclerose múltiple con 18 anos e convive coa doenza desde entón.

A HISTORIA DE MAR

Chámome Mª del Mar Pérez Ojén, teño 55 anos e vivín toda a vida no Grupo de Pescadores, máis coñecido como Mariñeiros. Veño dunha familia moi unida e de condición humilde. Nestes anos o barrio foi quedando pequeno e moitas persoas marcharon, outras morreron… mais nós seguimos aquí.

Estudei na Grande Obra de Atocha e na Caixa de Aforros da Ronda de Nelle, alí completei un Ciclo Superior Administrativo. Logo estudei Maestría e Comercio Exterior, formación que me resultou moi amena e interesante. Pero a miña verdadeira paixón son os idiomas, estudei e rematei cinco anos de inglés na Escola de Idiomas e cheguei até cuarto en francés, italiano e galego.

De nena pasaba todos os veráns en Londres, onde tiña familia, e aproveitaba esas estadías para coller soltura co idioma. Tamén traballei de camareira en hoteis, relacionándome con persoas de diferentes nacionalidades mentres melloraba a miña pronuncia.

A ENFERMIDADE

Estou enferma de esclerose múltiple (EM) desde hai trinta e sete anos.

Cando cumprín 18 anos tiven unha sorpresa inesperada, era o ano 1988 cando comezaron os ingresos, as probas (ás veces moi dolorosas) até dar coa diagnose: esclerose. Naquel momento era bastante descoñecida, nin eu nin a miña familia sabíamos nada desta enfermidade. Dentro do malo teño que agradecer que estivera dez anos durmida porque, a partir dos 28 anos comezaron os brotes, as dores, os malestares, unha chea de probas con tratamentos experimentais e medicacións de todo tipo.

Paseino moi mal.

A esclerose múltiple (EM) é unha enfermidade autoinmune do sistema nervioso central (cerebro, medula espiñal e nervios ópticos) onde o sistema inmunitario ataca a mielina interrompendo a comunicación entre cerebro e corpo. Non ten cura.

Nunca pensei que me puidera pasar algo así e, inda que non me queda outra que resistir, ás veces a ansiedade, a depresión e a soidade que me acompañan é horrible.  Cando che pasa algo así descobres como é a xente, quen non quere saber nada, quen se pon de costas, quen crías amigo non o é e quen pensabas que non, dá sorpresas transmitíndoche ánimo e comprensión.

LIBROS E LECTURA

Lembro que teño rido moito dunha amiga que lía sen parar e agora son eu quen o fai. Leo moitísimo, axúdame a evadirme, convértome nunha protagonista máis das historias. Estou moi cansa da miña situación, vivir así é horrible pero, a través da lectura síntome ben, río, choro, vivo todo o que acontece no libro.

“Inda que me doe moito recoñecelo, o meu amor polos libros chegou coa enfermidade. Grazas á lectura sinto menos angustia e soidade no meu día a día. Os libros son uns bos amigos
Grazas á biblioteca son unha persoa nova

A verdade é que cada día preciso poñerlle moita vontade para animarme e a biblioteca acompáñame con cada nova lectura, a través das personaxes dos libros podo correr, bailar, andar, amar e isto para min é unha axuda incrible.

Os libros devólvenme a vida.

Confeso que me fai ben ter esta relación coa biblioteca, achegarme ao espazo e ver ao persoal axúdame e anímame, as dúas cousas. Estou moi agradecida tamén por todas as recomendacións que me achegan, é estupendo ter este recurso tan cerca.

Mil grazas por todo, de corazón.

Acerca de evavieites

Descoñecido's avatar
Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Deixar un comentario