Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

Os vínculos coa biblioteca protagonistas da Formación de Persoas Usuarias

Na imaxe, de esquerda a dereita, Carolina Raposo, Carlos Sobredo, Vicky Rivas (bibliotecaria) e Teresa Cozar.

Cada ano o programa de Formación de Persoas Usuarias da Biblioteca Ágora preséntase como unha nova oportunidade para establecer vínculos sólidos coa comunidade educativa da nosa contorna e facilitar que o alumnado de secundaria se familiarice coa biblioteca e a súa utilidade.

Trátase dunha actividade deseñada para público xuvenil que ten por obxectivo familiarizar á mocidade coa biblioteca, desenvolver a súa capacidade de iniciativa e independencia e profundar na relación entre as necesidades das persoas e os recursos bibliotecarios que poden cubrir esa necesidade.

Dentro das múltiples estratexias que hai para cumprir ese obxectivo, a Biblioteca Ágora apostou nesta ocasión por poñer o foco na “formación de persoas usuarias a través de outras persoas usuarias”, un modelo moi beneficioso para involucrar á comunidade coa biblioteca ao tempo que reforza vínculos e pon voz ás necesidades da cidadanía e aos recursos que desde as bibliotecas poñemos para cubrilas.

Sesión previa no IES Agra do Orzán para dar a coñecer os nosos servizos entre o alumnado de 1º da ESO e presentar a actividade na biblioteca Ágora.

Os vínculos coa Biblioteca Ágora protagonistas para dar a coñecer o servizo público entre o alumnado de secundaria

Para iso pedímoslle a sete persoas da nosa contorna (Carolina Raposo, Carlos Sobredo, Nieves Alonso, Iván Folgueira, Rosa Sandes, Carlos Ocampo e Teresa Cozar ) que nos acompañasen durante tres días para compartir co alumnado de 1º da ESO do IES Agra I unha opinión honesta sobre as bibliotecas municipais, o vínculo creado a través da participación en diferentes actividades ou como colaboradoras dalgún programa e recoller, a través das súas vivencias persoais, a función social das bibliotecas.

COÑECERNOS MELLOR
Posta en común co alumnado de 1º da ESO do IES Agra. Na imaxe de esquerda a dereita, Eva Vieites (bibliotecaria), Carlos Ocampo, Carlos Sobredo, Nieves Alonso e Carolina Raposo.

A “formación de persoas usurias a través de outras persoas usuarias” presentóuse como un modelo onde persoas usuarias máis expertas axudaron a guiar ao alumnado a través da súa testemuña persoal, favorecendo un ciclo de aprendizaxe interxeracional dentro da comunidade. Centrármonos na aprendizaxe e no coñecemento compartido, desde a experiencia de quen emprega as bibliotecas municipais e colabora con elas, implicou a participación activa de sete persoas que se sentiron parte dun programa de formación para fomentar a autonomía e a autosuficiencia do alumnado, sen perder de vista a biblioteca como servizo público e o seu labor social para mellorar a vida das persoas.

AS PERSOAS

Na imaxe, de esquerda a dereita, Carlos Sobredo, Teresa Cozar e Carolina Raposo.
CARLOS SOBREDO

Avogado ponferradino e profesor de Formación Profesional, participa cada mércores no Grupo de Conversa en Galego que se desenvolve de 19:00 a 20:30 na Biblioteca Ágora.

TERESA COZAR

Asiste ao Club de Lectura Gramela da Biblioteca Ágora, foi voluntaria no programa de Alfabetización de persoas adultas perceptoras da RISGA (Renda de Inclusión Social de Galicia) da Biblioteca Ágora.


CAROLINA RAPOSO

Colaboradora e usuaria da Asociación pro persoas con discapacidade intelectual de Galicia (Aspronaga) e voluntaria por terceiro ano consecutivo na Biblioteca Ágora.

Na imaxe, de esquerda a dereita, Carlos Ocampo, Rosa María Sandes e Iván Folgueira.
CARLOS OCAMPO

Participou como libro de carne e óso no programa Libros Viventes da Biblioteca Ágora. Na actualidade é voluntario no programa Hora da Lectura, unha actividade dirixida á lectura en voz alta a grupos de persoas que residen en centros de día e fogares de acollida.

ROSA MARÍA SANDES

Voluntaria no programa de Alfabetización de persoas adultas da Biblioteca Ágora centrado na formación básica informal para persoas maiores que, por determinadas circunstancias na súa infancia ou xuventude, non tiveron acceso á ensinanza regrada.

IVÁN FOLGUEIRA

Participante no Club de Lectura QUEERuña, primeiro club de lectura de temática LGTBI+ de Galicia e espazo de diálogo sobre cultura LGTBI+ das Bibliotecas Municipais da Coruña. Naceu no ano 2016 e na actualidade reúne mensualmente a 60 persoas.

NIEVES ALONSO

Directora xubilada do CPR A Ponte Pasaxe e participante no Club de Lectura dos Martes na Biblioteca Ágora.

Carlos xogou co alumnado a Hitster, un xogo de mesa de éxitos musicais que fixo desfrutar ao grande a todas as persoas participantes.

Para rematar cada unha das xornadas tivo lugar unha dinámica grupal con xogos de mesa poñendo un peche lúdico ás experiencias compartidas. Empatía e comprensión interxeracional tomaron forma a través do xogo entre persoas de diferentes idades.

Rosa xogou co alumnado ao Porteiro Baldomero, un xogo de mesa de roles ocultos e dedución, que permitiu compartir hipóteses e xogar ao engano.
O lúdico permitiu a Iván reconectar o valor educativo e recreativo como fórmula para promover a compresión e o respecto entre xeracións.

Resumir o acontecido na formación de persoas usuarias co alumnado de 1º da ESO do IES Agra I que visitou a biblioteca Ágora ao longo de varios días non é doado, máis falar de biblioteca como servizo público, de fortalecemento dos vínculos coa comunidade e de aprendizaxe desde a experiencia de outras persoas resume ben unha proposta coas persoas e os vínculos coa biblioteca no centro.

Grazas Carolina, Carlos S, Nieves, Iván, Rosa, Carlos O, e Teresa pola vosa inestimable colaboración e grazas á biblioteca escolar do Agra I por facilitar que o alumnado siga descubrindo un ano máis o valor social das bibliotecas.

Acerca de evavieites

Descoñecido's avatar
Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

2 comentarios en “Os vínculos coa biblioteca protagonistas da Formación de Persoas Usuarias

  1. Chelo R.G.
    Novembro 19, 2025
    Chelo R.G.'s avatar

    Muy interesante.

    • evavieites
      Novembro 19, 2025
      evavieites's avatar

      Grazas Chelo,
      alegrámonos che resultara de interese.
      Un saúdo

Deixar un comentario