Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“A Biblioteca Ágora é o primeiro espazo social público, en toda Galicia, onde se abriu o diálogo sobre as familias enlazadas”

“Descubrimos que a madrastridade era un auténtico tabú

O sábado 25 de outubro tivo lugar na Biblioteca Municipal Ágora un encontro de familias enlazadas no que participaron Berta Capdevila e Aina Buforn. Con motivo desta actividade falamos na sección “Conversas con…” do blog Suma Ágora sobre o espazo Ser Madrastra, sobre conceptos como “madrastra” ou “familia enlazada” e da experiencia persoal e profesional das autoras de “Manual para a madrastra moderna: como vivir en familia enlazada sen perder a cabeza”, publicado este 2025 pola editorial Alfaguara.

A ORIXE DE SER MADRASTRA

O espazo Ser Madrastra naceu da necesidade. Ambas fomos madrastras moi novas, vivimos unha gran crise cada unha polo seu lado, e non atopamos información, grupos de apoio nin profesionais especializados que nos puidesen acompañar. De feito, nin sequera podiamos falalo coa nosa familia ou coas nosas amigas porque ninguén entendía o que estabamos a pasar. Co tempo fixemos o noso proceso persoal e decidimos, cada unha, empezar a escribir sobre o que estabamos a vivir. Atopámonos a través de Internet e a experiencia de compartir o vivido con alguén que realmente nos entendía foi un antes e un despois para as dúas.

Dicíannos cousas como “Porqué o tomas tan a peito? Total só son nenos” ou “tes que entender que os seus fillos sempre serán a súa prioridade e ti tes que adaptarte” ou “non podes queixarte porque xa sabías o que había” ou “é que non o entendes porque non es nai”. Estas frases son moi ferintes cando o estás a pasar mal porque inda te deixan máis soa e perdida. Así foi como descubrimos que a madrastridade era un auténtico tabú.

A partir de entón decidimos crear o tipo de información e de apoio que desexariamos ter atopado cando nos convertemos en madrastas. Iso levounos a investigar sobre o proceso das mulleres neste rol e divulgalo a través do noso blog, o noso podcast Ser Madrastra e do “Manual para a madrastra moderna: como vivir en familia enlazada sen perder a cabeza”, que publicamos este ano con Alfaguara. Mesmo impulsamos a celebración do Día das Madrastras, que trouxo o debate sobre este rol e sobre as familias enlazadas á axenda mediática e que celebramos cada ano o 9 de xuño.

A frase que máis nos repiten é: “por fin entendo o que me pasa e puiden cambiar as cousas na miña familia, porque antes pensaba que me estaba a volver tola”.

Paralelamente á nosa labor divulgativa, levamos máis de 10 anos acompañando a madrastras e familias e creamos un método propio de intervención familiar especializado no rol da madrastra e na dinámica das familias enlazadas. Na nosa consulta atopámonos con familias que están moi perdidas, con madrastras que se senten moi soas e impotentes, e o noso traballo consiste en axudar a estas familias para construír a súa propia maneira de convivir con tranquilidade e ás madrastras a dignificar o seu papel familiar e recuperar a sensación de poder persoal, tanto dentro como fóra da familia.

Empregades conceptos como “madrastra” ou “familia enlazada”, que a moitas persoas sóanlles estraños. Hai algunha intención no uso destes termos?

Totalmente. Elixir o nome do noso proxecto e o noso programa de intervención foi un reto. Cando decidimos chamalo “Ser Madrastra” moitas persoas dixéronnos que ninguén ía interesarse por algo así. A nosa mirada era moi distinta. Durante moito tempo sentirámonos como estrañas nas nosas familias… coma se non tivésemos un lugar e nos tocase loitar por el, sempre coa consigna que todo o mundo che repite de “non ocupar o lugar da nai”.

Nomearnos axudounos a perder a vergoña e ademais achegounos a moitísimas outras mulleres que vivían o mesmo en silencio! Ás veces pensas que todo o mundo vai mirar mal cando digas que es madrastra e de súpeto salta outra: “anda, pois eu tamén!!”, e automaticamente é coma se fósedes amigas de toda a vida.

Ao final démonos conta de que o que non se nomea non existe, e que nós precisabamos afacernos a nomear o noso rol se queriamos sentirnos parte da familia. Foi chocante dicir por primeira vez “son a túa madrastra”, pero co tempo normalizouse na familia e tamén empezamos a dicilo fóra da familia. Antes era moi incómodo cando nos confundían coa nai dos nosos fillastros no súper ou no parque, porque non sabiamos que dicir. Agora é moi divertido dicir “non, non, eu son a súa madrastra” e quedar tan ancha mentres é a outra persoa a que non sabe onde meterse…

Non nos gusta falar de familias reconstituidas (que é o nome máis habitual) porque suxire que algo se descompuxo e que agora imos recompoñelo coa mesma estrutura, pero con outras persoas. Iso é moi pouco realista. Nin as familias se descompoñen cando a parella se disolve, nin se recompoñen cando se establece unha nova relación de parella.

Doutra banda, a expresión “Familia enlazada” propúxoa a investigadora Berta Rubio para referirse ás tamén chamadas familias reconstituidas, ensambladas, compostas ou patchwork. Son familias onde un ou ambos membros da parella achegan fillas ou fillos de relacións anteriores e a expresión “enlazadas” é a que mellor representa como nos sentimos nós como fillastras e como madrastras.

Madrastra” converteuse nunha palabra moi poderosa para nós, e así é como queremos compartila.

En realidade, as familias transfórmanse constantemente, creando lazos inesperados entre fogares e entre persoas. É un proceso complexo que ás veces non sae como desexabamos pero que tamén adoita achegar unha riqueza tamén inesperada. Só debemos cambiar a nosa mirada sobre a familia, e esta palabra axúdanos a logralo.

As familias enlazadas, tabú social?

O máis doloroso deste tabú é ver que as familias que atravesan dificultades absolutamente normais neste modelo familiar, cúlpanse por “non lograr que funcione” e póñense cada vez máis presión, no canto de comprender que cada paso forma parte do seu proceso natural e buscar recursos que as axuden a vivilo con calma e seguridade.

En moitos aspectos, si. Vós mesmas confirmástesnolo mentres preparabamos a xuntanza de familias enlazadas na Biblioteca Ágora. Falástesnos de moitas persoas que tiñan este modelo familiar pero que sentían apuro de falar diso en público. Tamén houbo unha das participantes no encontro que nos dixo: “Hai varias persoas que esta tarde van chamar para preguntarme punto por punto todo o que se falou aquí hoxe… pero que non se atreveron a vir.”

Cremos que a nosa labor consiste en seguir falando diso, en seguir xerando recursos útiles para as familias e en seguir tecendo redes de apoio entre persoas e familias enlazadas.

Cando constatamos que este tabú segue tan vivo temos a tentación de desesperar. Pero, doutra banda, somos conscientes de que a lei do divorcio en España ten apenas 50 anos. Somos unha sociedade con moi pouca cultura da separación, onde disolver unha parella despois de ter fillos aínda se vive como un fracaso ou como unha ameaza para o benestar dos menores… E se vivimos a separación así, que podemos esperar dos novos lazos que xorden a continuación?

A apertura coa que cada unha das persoas participantes compartiu a súa experiencia e escoitou ás demais foi impresionante. Creouse un vínculo de compañeirismo case instantáneo entre persoas antes descoñecidas, e cada unha levou novas ideas, novas preguntas para seguir traballando individualmente ou como familia e, o que máis destacaban, era a sensación de non estar soas, de sentirse realmente comprendidas, e poder falar sen medo ao xuízo.

Con todo, estamos a avanzar e esta xuntanza, cun grupo precioso de 11 persoas dispostas a compartir a súa experiencia, é unha mostra deste cambio. Énchenos de esperanza ver nun mesmo círculo a nais e pais separados, a madrastras e padrastos e mesmo a fillastras e fillastros (que eramos nós) compartindo aprendizaxes e falando dos retos que teñen por diante.

A biblioteca como espazo para abordar o que acontece na sociedade

Antes de entrar en contacto con vós nunca nos propuxeramos levar os nosos espazos de encontro a unha biblioteca, pero cando nolo ofrecestes, para nós tivo todo o sentido. A biblioteca é un espazo de encontro social, un lugar onde imos buscar información e historias sobre o que nos pasa, onde nos refuxiamos cando necesitamos un momento de paz, onde acudimos en familia para ampliar o mundo das nosas nenas e nenos…

Esta iniciativa pareceunos un paso máis na labor comunitaria que representa o noso ideal da biblioteca de barrio. E o resultado da labor da Biblioteca Ágora está á vista: é o primeiro espazo social público, en toda Galicia, onde se abriu o diálogo sobre as familias enlazadas, e non só a nivel institucional senón, sobre todo, entre persoas. Foi un diálogo unido á vida e cremos que esta é a maxia da biblioteca como espazo de crecemento social.

Estamos profundamente agradecidas e encantadas coa experiencia vivida.

BERTA E AINA RECOMENDAN

Separada” e “A familia enlazada”, de Rocío López de la Chica. É unha mirada actual ao proceso de separación e á familia enlazada, con experiencias e recursos para poñer en práctica.
Surviving and Thriving in Stepfamily Relationships: what works and what doesn’t” de
. Un dos libros máis preciosos (e esclarecedores) que lemos nunca sobre familias enlazadas, tanto para quen o vive como para profesionais que queiran aprender sobre o tema.
Comunicación non violenta: unha linguaxe de vida” de Marshall B. Rosenberg. Un modelo de comunicación que, literalmente, salvou as nosas familias enlazadas e utilizamos constantemente nos espazos de intervención.
Da interferencia parental á violencia filioparental”, de Mariela Checa Caruana. Para aquelas familias que estean a experimentar situacións de interferencia parental.
Juno” (ENCÁNTANOS como se constrúe a familia enlazada como pano de fondo desta película. E estamos namoradas da madrastra de Juno, para que negalo.)
Unha familia unida” (serie)
Damsel” (preparádevos para un xiro argumental sorprendente)
En Literatura infantil e xuvenil recomendamos: “¡En familia!” de Alexandra Maxeiner e Ane Kuhl, “Mamo” de Marisa Morea e Babeth Ripoll, “Cuándo se irán estos”, de Ute Krause, “Me llamo Goa”, de Miriam Tirado.

Acerca de evavieites

Descoñecido's avatar
Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Deixar un comentario