Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“Sempre digo que prefiro un bo libro a unha mala persoa”

“Nada me satisfai máis ca estudar un idioma”

Como cada 30 de setembro vimos de poñer en valor o Día da Tradución rendendo homenaxe a todas aquelas persoas que tan importante papel desenvolven na sociedade para achegarnos a outras literaturas e outros mundos. É por iso que hoxe, na nosa sección Conversas con… falamos con Sabela Sanjurjo Campo, tradutora ao castelán do recoñecido Joaquim Maria Machado de Assis, escritor amplamente considerado como o maior nome da literatura brasileira.​​​​​

Sabela Sanjurjo naceu en Guitiriz no 1959, políglota e nai, licenciouse en Física na USC e creou a súa propia editorial en 2021, Edicións Courel, unha pequena editora galega que botou a andar hai catro anos cunha nova edición e tradución do clásico Don Casmurro, do mencionado autor canarinho.

“Ao longo da miña etapa formativa estudei francés, inglés, esperanto e, xa máis tarde, alemán e portugués“.

COÑECER A SABELA

Veño dunha aldeíña de Guitiriz (Lugo) San Xiao de Roca, onde sigo censada despois de levar mais de cincuenta anos fóra de alí. Licencieime en Física na Universidade de Santiago, pero nada me satisfai máis ca estudar un idioma. Ao longo da miña etapa formativa estudei francés, inglés, esperanto e, xa máis tarde, alemán e portugués. Traballei nunha central nuclear en Tarragona (Vandellós II) e despois dediqueime á consultaría e ás TIC, traballos cos que non gocei.

Hai uns dez anos unha amiga brasileira faloume de Machado de Assis (Rio de Janeiro, 1839-1908) e a súa importancia na literatura do Brasil (el foi un dos fundadores e primeiro presidente da Academia Brasileira de Letras). Empecei a ler a súa obra en portugués, que daquela estaba colgada no portal de dominio público do goberno federal de Brasil, inaccesible despois de Bolsonaro.

“A obra de Machado de Assis está amplamente traducida ao español, pero agás as Memorias póstumas de Bras Cubas, que se segue reeditando, xa non é doado atopar a súa obra en papel”.

Durante a pandemia empecei a traducir o Don Casmurro, ao que a brasileñista Helen Caldwell bautizou como o “Otelo brasileiro de Machado de Assis”, e gocei tanto, que decidín crear unha editorial para publicalo (Edicións Courel). O libro está traducido ao español, aínda que a miña intención era traducilo ao galego, pero unha vez que me puxen pensei que calquera galego que teña interese na súa obra pode lelo perfectamente en portugués. Unha vez que a editorial estaba aí, púxenme a traducir unha escolma de oito relatos que editei baixo o título Ocho relatos de Machado de Assis (orixinal!). A primeira biógrafa do autor, Lúcia Miguel-Pereira di que “como contista escribiu, sen dúbida, as súas obras mestras”.

Neste camiño que iniciei aprendín moitísimo e desfrutei máis. Pero non recomendaría a ninguén unha aventura semellante. Obviando o longo proceso até que tes o libro físico na man, o realmente difícil chega cando queres vender o teu libro. Ao principio fixen autodistribución, despois acudín a unha distribuidora (que queda co 50% do prezo do libro) á que lle tes que dar a exclusiva para obter un resultado decepcionante. Teño outras obras traducidas, non só de Machado de Assis, pero xa non ouso editalas en papel, o custo é elevadísimo. Se ademais che preocupa o papel que usas, a calidade da edición, o deseño… o prezo que tes que poñer ao exemplar é altísimo.

Gústanme os libros, mesmo como obxecto, pero tamén me preocupa o impacto ambiental da publicación de tanto libro, entón, como non leo libro dixital, son usuaria das bibliotecas municipais.

“Cada vez que me achego a Ágora penso: se tivera isto a beira da miña casa trasladábame vivir aquí. É un espazo luminoso que me transmite paz, está ben provisto e, aínda por riba, as bibliotecarias son amabilísimas e, en ocasións, prescriptoras.”

Sempre digo que prefiro un bo libro a unha mala persoa e, ás veces a unha boa persoa. Cando non teño un libro para ler sinto que perdo o tempo. Actualmente estou lendo a Toni Morrison, excepcional, mágoa non a ter lido antes. É moi difícil destacar un libro entre todos os que lin, aínda que hai algúns que me abraiaron: Conversación en La Catedral (Vargas Llosa), Gente independiente (Halldor Laxness), Samarcanda (Amin Maalouf), Una historia de amor y oscuridad (Amos Oz)…

É moito máis doado falar de persoas escritoras ás que admiro, ás veces non só polo que escriben, senón tamén pola súa actitude vital: Amos Oz, Bashevis Singer, Amin Maalouf, Yasunari Kawabata, Yukio Mishima, Vargas Llosa, Halldor Laxness, Thomas Mann, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro, Méndez Ferrín, Teresa Moure, Lidia Jorge, Eça de Queiroz, Irene Vallejo, Javier Marías, Luis Landero, Javier Cercas

Agradezo esta invitación da Biblioteca Ágora para participar na celebración do Día da Tradución, e agardo que esta achega sirva para descubrirlle a alguén a obra de Machado de Assis.

Grazas Sabela, é un pracer atopar entre a veciñanza persoas con tantas inquedanzas coma ti!

Até a próxima!

Acerca de evavieites

Descoñecido's avatar
Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Deixar un comentario