Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

Falar galego é o noso xeito de render homenaxe ao idioma

Oralidade e carácter colectivo preséntanse como sinais de identidade para festexar as Letras Galegas neste 2025, por iso, coa finalidade de poñer en valor e promocionar a nosa lingua, desde ese enfoque oral e grupal, damos a coñecer o Grupo de Conversa en Galego que se desenvolve todos os mércores na Biblioteca Ágora para compartir idioma e vida.

As Pandeireteiras de Mens na praza da Quintana con Manuel Cajaraville Pensado
Fonte: Fondo da Agrupación Folclórica Aturuxo. Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego.

Como explica a profesora Ana Boullón Agrelo, a Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica). Trátase dunha representación colectiva, como xa se fixo na elección dos trobadores da ría de Vigo en 1998, cos que se rendeu homenaxe á poesía medieval. Coa elección de 2025 quérese recoñecer a importancia da poesía popular oral, que acompaña a nosa sociedade desde sempre.

RECUPERAR ESPAZOS COMÚNS PARA O IDIOMA 
En outubro de 2024 botou a andar o grupo de conversa en galego, unha proposta dirixida a todas as persoas que desexen mellorar o seu galego oral nun ambiente distendido e de conversa amena, lonxe da aprendizaxe formal.

Despois de doce anos, a Biblioteca Ágora renovaba impulso para abrir novamente un espazo colectivo onde ofertar á cidadanía unha alternativa de conversa en galego fóra dos programas de estudos formais e regrados. Atender á demanda, ao tempo que facilitabamos un punto de encontro para o noso idioma, foi o eixo desde o que partiu a actividade ao inicio do outono.

Abrir a biblioteca, favorecer o encontro de persoas que teñen a inquedanza común de falar galego e fomentar a relación entre elas para mellorar a práctica do idioma sen xuízo, preséntanse como algúns dos obxectivos da actividade, que en si mesma non é novidosa. Son moitas as propostas que se teñen desenvolto en diferentes lugares e con enfoques semellantes por todo o país. É o caso dos Xuntoiros ou do programa de voluntariado lingüístico “Elos”, un programa que tamén funciona en liña para facilitar o contacto entre persoas que desexan aprender e practicar o galego e persoas que queiran colaborar con elas.
O LÚDICO DOS ENCONTROS
Coa finalidade de potenciar a motivación e a fidelización das persoas participantes na actividade, as sesións teñen un pouso lúdico afastado do formal e regrado. Dinamizar desde o amable e divertido das conversas é fundamental para crear vínculo. Na imaxe, festexando o entroido como data sinalada dentro da nosa cultura popular.
CREAR COMUNIDADE EN GALEGO

Tal e como recolle o documento Bibliotecas 2029: Documentos de las Jornadas Bibliotecas 2029, a biblioteca é o espazo de encontro e rede social por excelencia. As bibliotecas serían o punto de encontro desa comunidade, tanto urbana como universitaria, escolar, veciñal, etc, bebendo directamente do concepto “terceiro lugar” do sociólogo Ray Oldenburg. Segundo Oldendurg, estes terceiros lugares son necesarios para o desenvolvemento da sociedade, espazos onde a xente vaia simplemente polo pracer de estar, relacionarse, falar… converténdose nos poucos lugares públicos, gratuítos e abertos a todas as persoas que quedan nunha sociedade de consumo e de relacións virtualizadas.

Existe unha íntima relación entre as bibliotecas e a vida social dunha comunidade. Imaxe dunha das sesións do grupo de conversa no pasado mes de abril.

A ese espazo aberto e de contacto real entre persoas, a Biblioteca Ágora suma o compromiso polo idioma propio. Nun momento onde o galego atravesa un escenario complicado, entre a mocidade só o 10,7% das persoas ten como lingua materna o galego e a caída global de falantes estremece, o grupo de conversa en galego convida a empregar sen prexuízos a nosa lingua.

Como dicía o escritor e xornalista Manuel Veiga nun artigo recente, hai razóns para ser optimistas, posto que os números e sondaxes ofrecen unha cara da realidade, pero a realidade é un prisma de moitas caras, posto que non conta só a lingua que falas, tamén pesa moito o grupo co que convives e os propios hábitos. A milleiros de persoas gustaríalle usar máis a súa lingua, pero precisan un ambiente máis propicio que o facilite, e o grupo de conversa en galego da Biblioteca Ágora ofrece esa oportunidade.

Comezabamos este post destacando que falar galego é o noso xeito de render homenaxe ao idioma, máis neste 17 de maio ogallá sexan moitas as persoas que atopen a súa propia verdade: “Neste país, moita xente leva a lingua dentro e non o sabe”, que diría Víctor Freixanes.

Falemos e cantemos como se cada día fose día das letras.

Vémonos o vindeiro mércores!

Acerca de evavieites

Descoñecido's avatar
Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Deixar un comentario