Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

Medran as experiencias de vida na nosa biblioteca humana

Nas sesións previas de explicación da proposta ao alumnado do IES Agra do Orzán

Cada remate dunha nova edición de Libros Viventes preséntase como unha recompensa que lembra a importancia do acontecido en cada un dos encontros que, durante o mes de xaneiro e febreiro, tiveron lugar na Biblioteca Ágora. Despois de trece anos desenvolvendo o proxecto, estamos orgullosas de seguir favorecendo que persoas adultas e mozas tomen contacto entre elas por vez primeira nunha biblioteca municipal a través do diálogo compartido.

Nesta ocasión, tamén formaron parte da experiencia dos libros viventes as persoas participantes nos tres clubs de lectura QUEERuña, clubs de temática LGTBI+ aos que convidabamos a participar no marco dunha actividade máis ampla desenvolta na Biblioteca de Estudos Locais.

Abriron esta décimo terceira edición o médico de emerxencias e músico Xan García Moure, a educadora e integradora social Ara-Sol Romero Vázquez, o médico cirurxián e xinecólogo especialista en adolescentes Próspero Alberto Rojas, a economista e voluntaria cega na Asociación de Pais e Nais Mónica Blanco Ares e a psicólogue non binarie especializade en acompañamento a persoas trans e xéneros expandidos, Sore Vega Sandín.

XAN GARCÍA MOURE

 “A experiencia deste traballo é transformadora. O contacto coa vida e coa morte é continuo”

MÉDICO DE EMERXENCIAS

Xan compartiu que desde pequeno tivo unha pulsión interna por ser médico e que con nove anos facía contas para ver cantos anos lle levaría chegar a ese obxectivo. Para conseguilo enfrontouse a unha carreira de obstáculos. O primeiro día de traballo viuse subido a un helicóptero para atender un home que caera dun andamio nunha aldea de Ourense. Ao longo dun par de anos tivo tensións horribles e moito medo antes e durante estas gardas. Para superalo obrigouse a estudar, practicar e facer cursos que lle axudaron a enfrontarse con máis seguridade a estas situacións e, co paso dos anos, a paixón foi a máis e comezou a ser docente. Para Xan a experiencia vital deste traballo é transformadora, o contacto coa vida e a morte é continuo, tamén agora que exerce como médico de emerxencias na cidade da Coruña.

“Imaxe da sesión co alumnado de 4º da ESO que escolleu a Xan García Moure como libro vivente.”

ARA-SOL ROMERO VÁZQUEZ

“Hoxe estou no lugar que me corresponde”
INTEGRADORA E EDUCADORA SOCIAL

Ara-Sol naceu na Coruña (1994) e viviu durante a meirande parte da súa vida na Avenida de Monelos. Alí foi á escola e despois ao instituto. Contoulle ao alumnado que non sabería definir se foi boa ou mala estudante, porque sempre que lle interesaba a materia ou a temática sacaba boa nota e cando non, pasaba olimpicamente. Facendo unha FP atopou a Integración Social e máis tarde, a Educación Social, e xa non saíu máis do ámbito social. Ao remate do grao co-fundou unha asociación sociocultural chamada Zona Hadal. En setembro de 2023 marchou a Brasil por amor á súa compañeira, onde viviu medio ano en Bahía e outro medio no litoral de Rio de Janeiro. Agora vive en Betanzos botando moito de menos a enerxía salvaxe que teñen as cousas no Brasil, onde a natureza forma parte da vida das persoas como un membro máis da comunidade.

“Imaxe da sesión co alumnado de 4º da ESO que escolleu a Ara-Sol Romero como libro vivente”

PRÓSPERO ROJAS MARTÍNEZ

 “Vinme involucrado en calidade de denunciante de feitos delitivos perpetrados por grupos paramilitares afectos ao goberno do meu país”
MÉDICO CIRURXIÁN ESPECIALISTA EN XINECOLOXÍA 

Próspero Alberto Rojas Martínez naceu na cidade de Caracas (Venezuela) un 2 de decembro de 1966. Fillo dun contador público caraqueño e dunha traballadora social, viviu durante toda a súa vida nun pobo da Gran Caracas chamado San Antonio dos Altos (un lugar ao que chegaron moitos inmigrantes portugueses e españois (galegos e canarios). Estudou Medicina na Universidade Central de Venezuela licenciándose como médico cirurxián e foi Xefe de Servizo da Maternidade Concepción Palacios, a máis importante do país, até que lamentablemente se viu involucrado, en calidade de denunciante, de feitos delitivos perpetrados por grupos paramilitares afectos ao goberno do seu país nun dos seus lugares de traballo que, logo de denuncialos, finalizaron nun acto de violencia física que case lle custou a vida, polo que se viu obrigado en compañía de súa nai, a abandonar o seu país en novembro de 2023.

“Imaxe do peche da sesión co alumnado de 4º da ESO que escolleu a Próspero Rojas para compartir a súa historia persoal.”

MÓNICA BLANCO ARES

 “Son o que son grazas a miña avoa”
ECONOMISTA E VOLUNTARIA CEGA NA ASOCIACIÓN DE NAIS E PAIS 

Mónica naceu na Coruña un 26 de agosto de 1972, por aquel tempo seus pais emigraran a Alemaña e súa nai regresou á Coruña para dar a luz. Despois de bautizala e con pouco máis dun mes de vida, súa nai regresou a Alemaña quedando ao coidado dos avós paternos para sempre. Cando rematou o instituto decidiu estudar Económicas na Universidade da Coruña grazas ao esforzo económico de súa avoa. Logo comezou a traballar no departamento de administración dunha enxeñaría dedicada a proxectos de eficiencia enerxética. Cando levaba sete anos traballando (con 30) diagnosticáronlle unha “distrofia macular bilateral”, unha enfermidade xenética dexenerativa que provocaba cegueira e afectaba á visión central, diúrna e á percepción das cores. A diagnose foi clara: enfermidade sen tratamento nin cura.

“Imaxe da sesión co alumnado de 4º da ESO que escolleu a Mónica Blanco como libro vivente”

SORE VEGA SANDÍN

“Hoxe son aquí desta maneira”
PSICÓLOGUE NON BINARIE ESPECIALIZADE EN ACOMPAÑAMENTO A PERSOAS TRANS E XÉNEROS EXPANDIDOS

Sore naceu hai 58 anos en Barakaldo, Bizkaia. Asignade muller ao nacer e asignade heterosexual por defecto. Durante os seus primeiros 18 anos, medrou nunha familia obreira migrante procedente de Zamora. O primeiro desprazamento importante que recorda é a súa viaxe iniciática de Astrabudua -un barrio obreiro das aforas de Bilbo- a Barcelona. Alí embárcase no movemento feminista radical. Foron os seus primeiros contactos con grupos de lesbianas e gais. Matricúlase en Psicoloxía na Universidade Autónoma de Barcelona onde contacta cun incipiente grupo feminista da universidade. Na súa procura por unir activismo e profesión, achégase a Enfemme, un lugar refuxio para persoas travestis que exploran as súas feminidades. Segue profundando na unión entre activismo e profesión poñendo en marcha os grupos terapéuticos para persoas trans no Casal Lambda -asociación polos dereitos das persoas LGTBI-. O seu activismo e actividade profesional como psicoterapeuta céntrase en demostrar que a psicoterapia pode ser transpositiva e unha ferramenta afirmativa chave nos procesos de transición das persoas que o precisan.

“Imaxe da sesión especial para os clubs QUEERuña con Sore Vega Sandín na Biblioteca Estudos Locais”

Dicir que fronte ao protagonismo de redes e novos medios de comunicación dixital, este proxecto de Libros Viventes céntrase en persoas reais e nas relacións que se establecen a través das súas vivencias, experiencia e coñecementos coa mocidade.
Como en cada edición queremos despedirnos agradecendo a todas as persoas participantes a xenerosidade de compartir as súas historias máis íntimas e persoais nun espazo colectivo e vivo como a biblioteca.

Grazas Xan, Ara, Próspero, Mónica e Sore, por amosarvos desde a honestidade, o respecto e o coidado. Grazas á biblioteca escolar do IES Agra I, por continuar ano tras ano no compromiso de seguir colaborando para que o alumnado desfrute da nosa biblioteca humana e, nesta ocasión, grazas a todas as persoas participantes dos QUEERuña pola entrega durante a actividade desenvolta excepcionalmente na Biblioteca Estudos Locais.
Até a próxima!

Acerca de evavieites

Descoñecido's avatar
Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Deixar un comentario