Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“Os libros son unha vía perfecta para o encontro, unha maneira ideal de coñecer persoas”

“As veciñas deste barrio temos un forte sentimento de comunidade

Coa finalidade de destacar o Día das Persoas Usuarias de Bibliotecas, este 11 de xaneiro conversamos con Adrián García Seijas (A Coruña, 1987), unha das persoas usuarias da Biblioteca Ágora e, sen dúbida, expoñente de todas aquelas que gozan e utilizan os servizos e recursos da Rede de Bibliotecas Municipais da cidade.

ORIXES

Nacín na Coruña, pero as miñas orixes familiares atópanse nunha fermosa aldea do Concello de Melide chamada Baltar, concretamente no lugar Eixe de Lamas. Procedo dunha familia de agricultores e gandeiros que me permitiu ter unha estreita relación coa vida rural e todo o que iso conleva. Sigo estreitamente vinculado a esa terra onde paso boa parte do meu tempo libre.

Os espazos culturais (bibliotecas, librarías…) son unha oportunidade para crear redes de colaboración entre as veciñas.”

Por outro lado son veciño da Agra do Orzán, levo vivindo aquí toda a miña vida, salvo os anos que pasei en Compostela estudando a carreira. Penso que as veciñas deste barrio temos un forte sentimento de comunidade debido a que habitamos moito os espazos de encontro que pasan, desde os bancos da rúa Barcelona ou a praza das Conchiñas até lugares como esta biblioteca. Creo que os espazos culturais (bibliotecas, librarías…) son unha oportunidade para crear redes de colaboración entre as veciñas. Temos o exemplo do Galgo Azul, unha libraría que se converteu nun punto de encontro para as que xa nos gustan os libros e para as que desexan descubrilos. 

“As miñas inquietudes políticas e sociais empezaron desde moi novo”

Decidín estudar Ciencias Políticas por puro convencemento. Desde ese momento, toda a miña vida estivo estreitamente ligada a proxectos colectivos, tanto no ámbito político como sindical. Os libros tiveron un papel moi relevante, xa que me permitiron explorar outras realidades, sacarme da miña zona de confort. Unha das miñas principais paixóns é achegarme ás distintas realidades desde a cotiandade, por iso gozo tanto lendo a autoras que son capaces de explicar a realidade desde as experiencias persoais, desde as pequenas cousas

Que é para ti unha biblioteca?

Ir buscar un libro á biblioteca ou ir ler alí ten algo especial. Primeiro, creo que hai poucas cousas que me gusten máis que escoller os libros que vou ler; paréceme un momento fantástico ao que adoito dedicar bastante tempo. Gústame máis atoparme cun libro que ir a por un libro. Esa experiencia só a podes vivir nunha biblioteca ou nunha libraría de confianza. Moitas veces os libros aparecen por casualidade na nosa vida para poñela patas para arriba. É xenial.

O máis destacable dunha biblioteca son as conversacións coas bibliotecarias, que che falen de libros é algo marabilloso porque descubres novas lecturas.

“Sigo as actividades da biblioteca e agora, felizmente, participo nunha: no club de lectura QUEERuña

Levaba anos desexando participar no club de lectura, pero por unha cousa ou por outra ata este ano non tiven a oportunidade. E estou encantado. Vivín a experiencia noutros clubs e é realmente gratificante e sorprendente. As lectoras achegámonos aos libros desde lugares totalmente diferentes, o que fai que o libro pase a ser algo propio. As conversacións sobre un libro poden derivar en conclusións moi dispares que enriquecen a túa reflexión persoal e descóbrenche aspectos que ou ben non reparaches ou pasaches por encima. Recoméndolle a todo o mundo que fale de libros nun club ou onde sexa.

“No meu caso, a lectura ten un significado diferente dependendo da época. Actualmente busco coñecer outras realidades das experiencias cotiás, desde as pequenas historias… Estou a descubrir autoras latinoamericanas que me están fascinando. Aí é onde teño posta toda a miña atención nestes momentos.  Penso Florencia del Campo, Magalí Echebarne, Leila Guerriero, Clara Obligado, Piedad Bonnett… De esquerda a dereita e de arriba abaixo: Leila Guerriero, Florencia del Campo, Piedad Bonnett, Magalí Echebarne, Clara Obligado e Alana Portero.

Estou encantado e moi agradecido de colaborar para poñer en valor o Día das Persoas Usuarias de Biblioteca, iso reconfirma que os libros son unha vía perfecta para o encontro e unha maneira ideal de coñecer a persoas. Así que desexando seguir participando en todas as actividades que sexan posibles.

RECOMENDACIÓNS

UN FILME: “Volver”, de Pedro Almodóvar.

UN LIBRO: “La mala costumbre”, de Alana Portero.

UNHA CANCIÓN: “Impronta”, de Lori Meyers.

UN LUGAR:  A casa da miña nai.

UNHA INQUEDANZA: Todas a do mundo.

UN DESEXO: Un desexo colectivo sería a xustiza social e, a nivel máis persoal, a saúde.

UN PECADO: Vivir aínda coa idea do pecado

UNHA COMIDA: Patacas fritas con ovos.

Grazas Adrián por participar na nosa sección Conversas con… e ser este 11 de xaneiro voz e rostro dos centos de persoas usuarias que cada día visitan as nosas bibliotecas. Agardamos moitas e boas lecturas para este inicio de ano e vémonos no vindeiro encontro do Club QUEERuña. Foi un pracer!

Acerca de evavieites

Descoñecido's avatar
Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Deixar un comentario