“A experiencia deste traballo é transformadora, o contacto coa vida e coa morte é continuo”
“Desde pequeno teño unha pulsión interna por ser médico.”
O 3 de decembro celébrase o Día Internacional do Médico, unha data decretada para homenaxear ao médico que descubriu o mosquito transmisor da febre amarela, o cubano Carlos Finlay Barrés e un tributo a todos os profesionais da medicina que, día a día, se esforzan por brindar atención médica á poboación en cada recuncho do mundo. Con ese marco de fondo falamos con Xan García Moure, médico de emerxencias extrahospitalarias do 061 na cidade da Coruña e protagonista da próxima edición de Libros Viventes.
Desde pequeno teño unha pulsión interna por ser médico, con nove anos facía contas para ver cantos anos me levaría. Para conseguir o meu obxectivo enfronteime a unha carreira de obstáculos, por exemplo na universidade, onde tiven unha crise de vocación profunda e, de ser un alumno con moi boas notas, pasei a ter os primeiros suspensos. Había falta de confianza por parte de meus pais, perigo de perder a bolsa de estudos, dúbidas de se a profesión era para min, etc.
Cando fixen o MIR as miñas especialidades foron Familia, Traumatoloxía e Pediatría, decantándome finalmente por Familia. Agradábame a idea de atender persoas nun entorno rural, ir ás súas casas e coñecer á xente no seu propio espazo. Ao rematar a formación da especialidade as miñas preferencias xa mudaran e apetecíame atender urxencias dentro do hospital. A adrenalina gustábame cada vez máis, a pesares do medo que me producía. Nese momento a opción laboral que se me presentou foi nas emerxencias extra-hospitalarias do 061, e lanceime.
O primeiro día de traballo vinme subido a un helicóptero para atender un home que caera dun andamio nunha aldea de Ourense. Ao longo dun par de anos tiven tensións horribles e moito medo antes e durante estas gardas, a verdade. Para superalo obrigueime a estudar, practicar e facer cursos que me axudaran a enfrontarme con máis seguridade a estas situacións e, co paso dos anos, a paixón foi a máis e comecei a ser docente. A experiencia vital deste traballo é transformadora, o contacto coa vida e a morte é continuo.
Inicialmente a miña base medicalizada estaba en Piñor, á beira da cidade de Ourense, atendiamos a zona montañosa de Lugo e Ourense. En cada saída descubría lugares incribles da nosa xeografía e ao tempo, pasaba medo porque había misións que por meteoroloxía ou orografía eran difíciles. Sendo picheleiro sempre tiven certo pique coa Coruña, axudoume a desfrutar da cidade unha relación de catro anos que tiven cunha moza coruñesa estando na universidade. Despois dunha viaxe polo mundo adiante que se prolongou oito meses, traballei dous anos nas emerxencias medicalizadas da cidade herculina, regresei en 2018 e 2022. Agora novamente estou na Coruña, de feito, é probable que sexa o meu destino definitivo, porque aquí me sinto a gusto e plenamente integrado.
Ao longo destes anos foron moitas as experiencias que me impactaron no exercicio da profesión, pero a que marcou a miña experiencia profesional foi un servizo nas Neves (ao sur da provincia de Pontevedra) cando levaba 4 ou 5 anos traballando no 061.
A sensación de control nos primeiros anos de traballo recibe o nome do efecto Dunning Krugger(sobreestimamos os coñecementos e capacidades que temos) e iso foi o que aconteceu naquel aviso de “accidente de moto con 2 adolescentes en colisión cun coche”, desafortunadamente naquela ocasión faleceron os dous mozos. Este episodio provocou en min unha crise moi grande e, tras meses de reflexión e culpabilidade, decateime da profunda responsabilidade desta apaixonante profesión e tomei o acontecido para coller con máis forza e motivación o día a día como médico de urxencias.
“No ámbito social estiven durante moito tempo ligado coma voluntario a MSF (Médicos Sen Fronteiras) e no cultural teño profunda debilidade por todo o que teña que ver coa cultura do país.”
Lingua e música son para min expresións da nosa identidade que amosan un xeito de ver o mundo e de relacionarnos con el. Ao remate da carreira lembro traballar nunha clínica privada da Coruña e asistir á sorpresa do meu xefe (que falaba un galego fermosísimo da montaña de Pontevedra) reaccionar con estrañeza porque un médico empregara o galego na súa profesión. Na miña familia o galego foi a nosa primeira lingua, sen embargo, miña tía e miña madriña dirixíanse a min en castelán, mentres elas falaban galego. Lembro con cinco anos pensar que aquilo era un agravio enorme, acaso non querían que formara parte da súa tribo? Iso segue a facerse hoxe en moitas familias galegas e sinto moita tristura pola perda dunha lingua e dun saber que nos é propio.
A música é unha constante na miña vida, comecei a tocar a gaita con 11 anos e xa nunca me separei dela, tampouco o fixen da miña frauta traveseira. Facer música, tocar calquera instrumento é un xeito universal de comunicar os máis profundos sentimentos e emocións, por iso para min, que sempre fun moi tímido, a música axudoume a relacionarme co mundo, púxome en contacto coa miña alma (durante moito tempo agochada ou desaparecida) e liberouna do medo a ser vista e descuberta polos que me rodeaban. Coa música puiden ensinarme sen vergoña, con 15 anos entro a formar parte dunha agrupación de música e baile tradicional galego e, aos 17, formo a miña banda de folk, coa que actualmente sigo tocando e coa que viaxei por medio mundo: Os Ánxeles, Bos Aires, Taiwan, Europa…Suxiro a lectura de “El médico” de Noah Gordon, onde un mozo cristián inglés do século XI viaxa por Europa para estudar medicinaentre os persas. O libro, publicado en agosto de 1986 foi moitas veces un best-seller, particularmente en España e Alemaña, vendendo millóns de copias. É a primeira parte dunha triloxía composta polo médico, O chamán e A doutora Cole, dispoñibles nas Bibliotecas Municipais da Coruña.
XAN RECOMENDA
Que é para ti unha biblioteca? Un lugar de encontro cun mesmo e tamén co mundo. Un agasallo de todas as persoas que nos preceden e que, grazas ás letras, conseguiron que teñamos memoria.
UN FILME: O señor dos aneis, de Peter Jackson. UN LIBRO: Se isto é un home, de Primo Levi. UNHA CANCIÓN: O 4º movemento da 9ª Sinfonía de Beethoveen. UN LUGAR: A praia de Carnota. UN DESEXO: Que o mundo dos meus fillos e o voso sexa un lugar seguro e cheo de ilusión. UNHA COMIDA: Cocido de entroido.
Remata 2024 e pechamos a nosa sección Conversas Con… agradecendo a labor cotiá de tantas e tantas persoas que, especialmente no marco da sanidade pública, consagran as súas vidas para garantir unha atención digna e de calidade á cidadanía. GrazasXan polo teu tempo e colaboración, agardamos que o alumnado poida desfrutar da entrega e paixón coa que vives o teu traballo na vindeira edición de Libros Viventes.
Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.