Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“Aquí tamén se fala” dá forma á maior campaña de normalización da lingua da historia do país

“Quen procure a revolución ten a obriga de converter en centro o que se deseña desde as marxes. Por iso se torna preciso estar onde a mocidade está, e crear espazos de prestixio para os seus falantes.”

A campaña aquí tamén se fala vén de recibir o recoñecemento do Fórum Europeo de Administradores da Educación (FEAE) á innovación educativa. A iniciativa en prol da lingua que centos de estudantes acabaron por facer súa, naceu dentro das aulas do IES Rafael Dieste da Coruña baixo a coordinación de Arcadio González Novoa e Alberto Pombo.

 “Aquí tamén se fala” é unha experiencia de aulas que procura rachar cos muros dos centros de ensino.

En poucos meses conseguiu ilusionar e implicar máis de 200 centros educativos, 25000 estudantes e 50000 espazos, así como aos principais clubs de deporte profesional galego e referentes musicais e culturais internacionais. A entrega do premio terá lugar o 26 de xuño no salón de plenos do Concello da Coruña. (Nós Diario, 28 de maio de 2024).

Por este motivo, e co pano de fondo do Premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña, falamos con Alberto Pombo na nosa sección “Conversas con….

Alberto Pombo (Loureda, 1985) é Licenciado en Filoloxía Galega e Doutor en Estudos Lingüísticos e Literarios con mestrados en Pedagoxía e en Literatura, Cultura e Diversidade. Membro do Grupo Illa de Investigación Lingüística e Literaria da Universidade da Coruña, na actualidade é profesor no IES Rafael Dieste.

Comezou na docencia ocupándose do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Estremadura e proferindo comunicacións ou cursos en diferentes facultades de Austria, do Brasil, da China, do Estado español, de Irlanda ou Portugal. Ademais dunha faceta como tradutor de poesía e outra no rock metal.
 
PUNTO DE PARTIDA

Nacín nunha das ladeiras do val de Loureda, no lado da Barreira. Entorno privilexiado atravesado por un río aberto ao océano, como se alguén o tivese deseñado para poder dicir que, no concello de Arteixo, o sol nace por Loureda. Fun alumno de Suso Vecino, Henrique Rabuñal, Luz Rivas, Séchu Sende ou Eloi Rodríguez xa antes de entrar na universidade. Acompañando isto, a reforma da LOU, o “Nunca máis”, o “Non á guerra”… ensináronos que o mundo era un lugar que debía ser transformado, e que a mocidade tiña a obriga de non ser tépeda coas mudanzas. Estudar, entón, Filoloxía galega, foi un paso natural.

No ensino a experiencia da docencia chegoume primeiro coa etapa universitaria, anos felices que pasei na Estremadura, mais que tiveron sempre marcada a vontade do retorno e o de facer as cousas na terra. Obtiven a praza no ensino secundario en 2018 e houbo dous centros –en Oleiros e Cee– antes de chegar a este que me ocupa agora os días, o Rafael Dieste coruñés.

Traballar con adolescentes é marabilloso e dá sentido a quen ten ilusión transformadora, porque neles está depositada a esperanza dun mundo máis xusto, dunha sociedade mellor. E porque no traballo con eles existe a oportunidade de os axudar ou acompañar no camiño a conseguiren un vida máis plena e máis feliz.

AQUÍ TAMÉN SE FALA

O festival Aquí tamén se fala traerá á praza da Tolerancia o 7 de xuño a artistas da categoría de Grande Amore ou Boyanka Kostova.

 Aquí tamén se fala” é unha experiencia de aulas que procura rachar cos muros dos centros de ensino, visibilizando o traballo que se pode facer nunha aula e constatando a capacidade transformadora do alumnado cando traballa como masa social unida. Hoxe hai 25.000 mozos exercendo activamente tarefas de dinamización, porta por porta, incidindo sobre as súas contornas, dando a batalla das ideas, outorgando orgullo ás persoas galegofalantes, traballando desde a base. Centos de concellos con rapazada que integra e dá forma á maior campaña de normalización da lingua da historia do país, á que se sumaron os clubs deportivos profesionais galegos, institucións ou referentes culturais nacionais, estatais e mesmo internacionais.

Aquí tamén se fala nace como breve apuntamento nunha páxina, mais traballa activamente para conseguir difusión e capacidade viral baixo un modelo fondamente estruturado, planificado e artellado con base nun programa de obxectivos. Por iso se torna preciso estar onde a mocidade está, e crear espazos de prestixio para os seus falantes.

Crear materiais audiovisuais onde non os haxa, darlle oportunidade aos rapaces e rapazas de se expresaren, de mostrar a realidade social na que viven, de coñecer referentes da cultura, de gravar música con eles… e por iso planificamos obradoiros con profesionais do sector (Tomás Ageitos e Alberto Castaño) para que desde o IES Rafael Dieste poidan continuar saíndo produtos con vocación profesional elaborados, cada vez máis, polo propio alumnado.
LECTURA E BIBLIOTECAS. DE GUSTOS E PREFERENCIAS

Na miña adolescencia había certo costume en ir á biblioteca cos colegas, porque había salas programadas para a mocidade, máis lúdicas, onde o volume de fala podía ser maior e onde descubriamos, fascinados, libros sobre os grupos musicais que nos gustaban. Na miña formación universitaria ou na miña etapa como investigador, a biblioteca converteuse no recurso máis valioso.

A biblioteca é unha xanela ao universo. Os centros de ensino contan con equipos de traballo voluntarios nutridos por profesorado e alumnado que, cuns recursos moi limitados, crean un programa cultural de primeirísimo nivel ao longo do marco galego. Con todo, os centros de ensino son vellos, os espazos son propios doutra época. O investimento –tamén en mobiliario– é tamén unha necesidade se queremos que as bibliotecas sexan espazos demandados pola mocidade. Queda moito por facer aí.

Confésome admirador das persoas que me acompañan os días, das que producen literatura escrita e das que o fan coa oral. De Maurício Castro a Raúl Zurita, de Diego Bernal a Pilar Pallarés, de Yolanda Castaño a Bernardo Atxaga, de Chus Pato a Georgi Lucáks, de Xurxo Souto a miña nai. Non sei que clase de persoa sería sen a literatura mais, con certeza, unha menos libre. De esquerda a dereita e de arriba abaixo: Bernardo Atxaga, Chus Pato, Xurxo Souto, Diego Bernal, Pilar Pallarés, Raúl Zurita, Mauricio Castro e Yolanda Castaño.

Os xéneros que máis consumo son o ensaio e o poético. O primeiro por curiosidade e o segundo porque a poesía abátenos, encoráxanos, belisca nas conciencias, obríganos a nos posicionar e deixa para o lector un papel activo e xenerosamente protagónico.

NOVIDADE! VERSO E ACORDE. Relacións entre literatura galega e música pop (1950-2000)

O libro nace da miña formación filolóxica e da miña paixón pola música, e como resposta á miña propia curiosidade.”

“Verso e acorde” nace como o froito de anos de investigación. Na tradición académica galega hai pouco espazo dado aos estudos interartes, menos aínda aos que se ocupen de ver que papel xogou a música na divulgación dos textos literarios baixo un sistema coercitivo. Había unha serie de interrogantes: que papel ocupa a música na construción e divulgación do noso cánon literario? Como e cando aparece o pop en galego? Cando a canción protesta? Que influencia hai da literatura na nosa música? E o libro, que veño de lanzar en edicións Xerais neste abril de 2024, procura dar resposta a estas e outras cuestións. E para contar esta historia, o libro pasa por Tokyo, Maputo, París ou Caracas.

PETISCO PERSOAL

  • UN FILME: “The broken circle breakdown”, de Felix Van Groeningen.
  • UN LIBRO: “Anoche soñé que era un DJ”, de Frank Báez.
  • UNHA CANCIÓN: “Bossa portuguesa”, de Karla da Silva e Luca Argel.
  • UN LUGAR: Onde se vexa o mar.
  • UNHA INQUEDANZA: Mellorar as condicións de vida do alumnado.
  • UNHA COMIDA: Calquera que algunha vez cociñase miña nai.
  • UN DESEXO: A fin do capitalismo.

Grazas Alberto, foi un pracer coñecer de primeira man a interesantísima e premiada labor que estades a desenvolver no ámbito educativo e cultural do Rafael Dieste. Agardamos afianzar dinámicas de colaboración cara ao vindeiro curso e converternos en entidades colaboradoras para un futuro a favor da lingua.

Vémonos en concerto! Até a próxima!  

Acerca de evavieites

Descoñecido's avatar
Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Un comentario en ““Aquí tamén se fala” dá forma á maior campaña de normalización da lingua da historia do país

  1. cuquifernandez
    Xuño 4, 2024
    cuquifernandez's avatar

    Boísimo traballo e merecidísimo premio. Parabéns!!

Deixar un comentario