Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

Saúde, deporte e mocidade inauguran o mes de abril na Biblioteca Ágora

Na Biblioteca Ágora chegou a primavera con moitas ganas de poñer en valor o barrio, os seus espazos e as súas xentes, especialmente aquelas vinculadas a diferentes disciplinas deportivas, mentres traballamos valores relacionados co deporte e cunha vida máis saudable.

Cos días máis longos e cun sol comezando a asomar, os roteiros polo barrio son froito do traballo conxunto de biblioteca, veciñanza e comunidade educativa, especialmente da biblioteca escolar do IES Agra I, centro co que vimos traballando desde hai máis de dez anos nunha sintonía de apoio e cooperación.

Desenvolvemos os roteiros en abril coincidindo coa celebración do Día Mundial da Saúde, que se destaca o día 7 deste mes a iniciativa da OMS (Organización Mundial da Saúde) para promover o benestar físico, mental e social, e que este ano  tiña por lema “A miña saúde, o meu dereito”, para defender o dereito de todas as persoas, estean onde estean, a ter acceso a servizos de saúde, educación e información, auga potable, aire limpo, boa alimentación, vivenda e condicións laborais e ambientais dignas.

A proposta que desenvolvemos co alumnado de 3º da ESO comeza coas visitas previas que facemos ao instituto para explicar a actividade, propoñéndolle aos mozos e mozas a posibilidade de descubrir as persoas coas que compartirán os espazos de saúde e deporte con breves historias de vida delas. Un total de 91 alumnos e alumnas do IES Agra do Orzán foron convidados a profundar en cinco historias persoais que se converteron no punto  de inicio para descubrir outros tantos lugares de saúde e deporte que pasamos a compartir.

1. Biblioteca Ágora e Hábitos de Vida Saudables

O primeiro punto do roteiro arrincaba na Biblioteca Ágora da man de María José Mosquera Santé, doutora en Bioloxía pola UDC, Máster en Medicina Natural e Atención Primaria pola facultade de Medicina da USC e profesora do citado posgrao, que compartiu a inquedanza por ensinar a desenvolvernos no día a día con hábitos de vida saudables, tendo como punto de partida a alimentación e a nutrición, máis tomando conciencia da importancia do descanso como elemento clave para evitar o ensuciado celular. “Nos estudos máis recentes a nivel científico xa se recolle o descanso como prioritario diante dos outros dous tips a traballar: a alimentación e o exercicio”, lembrou durante as súas intervencións.

María José Mosquera Santé, recolleu algunhas das redes sociais máis recomendables para seguir modelos de vida e alimentación saudable con profesionais de referencia e influencers adsequibles para todos os públicos: @futurlife21, @blancanutri, @blancagomez_lifestyle, @nestorregenera, @regenera_pni, @healthyinstitute, @diegoabril_pni, @doctorbauyter, @xeviverdaguer.

2. Escola de Wing Chun e Artes Marciais Kiusao Kung Fu Galicia

Aprender a defenderse, loitar en todas as distancias do combatetécnicas de puñospatadascóbados, xeonllosagarres, etc. Co Sifu Juan Saldeño o alumnado puido poñer en práctica no 2º punto do roteiro algunhas das técnicas máis coñecidas do Wing Chun, unha arte marcial chinesa orientada á defensa persoal creada por unha sacerdotisa chamada Ng Mui. Como lembraba Juan, a base é empregar golpes de puño e golpes de man aberta sen usar bloqueos, senón que a “defensa é sempre un tipo de ataque“, neutralizando os golpes do opoñente para usalos na súa contra.

mestre Sifu Juan Saldeño naceu en Burgos e estudou Fisioterapia en Madrid, onde tomou contacto por vez primeira co Wing Chun Kung Fu. Como mestre de adestradores 5DAN imparte aulas na Escola Kiusao Kung Fu Galicia, un centro de referencia nesta arte marcial situado no barrio de San Pedro de Visma.

3. Club de Chave “Os mariñeiros”

Mais o alumnado tamén visitou no 3º punto do roteiro o Club de Chave de Mariñeiros, unha asociación que conta neste momento con 162 socios e socias e que está rexistrado dentro da Federación Galega de Deporte Autóctono na modalidade de chave. Neste momento ocupa o cuarto posto da 1ª Categoría, tamén chamada especial, na que compiten un total de 12 Clubs da zona da Coruña e Carballo. En realidade a técnica deste xogo é sinxela: unha chave, uns pesos e unhas cantas liñas trazadas nun terreo liso e sen obstáculos que entorpezan a visión. A experiencia ensinóunos que se trata dunha disciplina que require dunha habilidade especial para, desde vinte ou trinta pasos, derrubar unha chave métálica forxada con material das vías do tren.

Na imaxe, dentro do local Club de Chave Mariñeiros, antiga escola do barrio e actual sede da asociación, onde Manolo explicou ao alumnado os fundamentos deste deporte popular que conta cada vez con máis mocidade entre as súas filas.
4. Asociación coruñesa de Jugger

E chegamos ao cuarto punto do roteiro, un dos máis desfrutados e mellor valorados polo alumnado de 3º da ESO, onde na explanada da Biblioteca Ágora esperaba a Asociación Coruñesa de Jugger Coruña. Hai tempo que o exterior da biblioteca se converteu no lugar escollido polos mozos e mozas da cidade para practicar un dos deportes máis orixinais e descoñecidos polo público xeral, o jugger, unión da esgrimaxogos de pelota e un toque de loita grecorromana. Alí JasonDavid ou Pingu explicaron as tres tipoloxías de xogadores, o corredor, que a súa función é anotar tantos, os xogadores armados con armas ríxidas, nos que se fai presente a base do esgrima, e o ketteman, que conta cunha pelota unida cunha cadea que  pode lanzar aos rivais. Unha experiencia que o alumnado desfrutou intensamente.

jugger foi inventado por David Webb Peoples para o filme “A sangre dos heroes”, e logo transformouse nun deporte grazas aos afeccionados que crearon as armas e o primeiro regulamento. A Asociación Coruñesa de Jugger é unha asociación sen ánimo de lucro ao servizo dos equipos e xogadores de jugger da provincia da Coruña que cada ano suma máis seguidores.

5. Escola de Boxeo Azteca Box

E metidos na cuarta hora de roteiro o alumnado aterraba no quinto e último punto desta experiencia, a Escola de boxeo Azteca Box, onde esperaba Luís para compartir os espazos, materiais e fundamentos dunha disciplina deportiva con moitos defensores e detractores ao tempo. Desta volta tamén houbo opción de poñer en práctica o básico para poder competir de forma segura e eficaz: como moverse con rapidez, como lanzar golpes efectivos, como esquivar, bloquear ou parar puños da persoa opoñente, xunto con habilidades de control de distancia.

Os roteiros de saúde e deporte son moi ben valorados entre o alumnado de secundaria. Un detalle das avaliacións!

Broche de ouro que nos deixaban as avaliacións entre o alumnado de 3º da ESO, que confirman a potencialidade de combinar o traballo colaborativo entre veciñanza, biblioteca e comunidade escolar xunto con deporte e saúde, ao tempo que poñemos en valor a identidade do barrio, daquilo que temos máis cerca.

Agradecer novamente a todas as persoas que fixeron posible o desenvolvemento da actividade, tanto desde as Bibliotecas Municipais, como desde o IES e Biblioteca Escolar do Agra I e, por suposto, ás persoas individuais e colectivos cos que traballamos: María José Mosquera Santé, Juan Saldeño desde Kiusao Kung Fu Galicia, Manuel Paz e Oscar desde o Club de Chave de Mariñeiros, Asociación Jugger Coruña (David, Pingu, Jason…), e Luís Súarez de Azteca Box.

Mil grazas e até a próxima!

Acerca de evavieites

Descoñecido's avatar
Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Deixar un comentario