
Autoestima, cohesión social, mocidade e diálogo foron algunhas das claves que aterraron na Biblioteca Ágora con catro novas testemuñas de Libros Viventes, das que desfrutaron máis de oitenta alumnos e alumnas do IES Agra do Orzán.
Son moitas as historias de vida que temos compartido no proxecto Suma Ágora ao longo dos últimos anos. Esta proposta, que bebeu na súa formulación inicial da Human Library de Copenhague a finais dos 90, foi mudando desde a experiencia inicial de Ronni Abergel na ONG Stop de Violence até a súa adaptación en diferentes países e contextos internacionais. As BMC fixemos a nosa versión de Libros Viventes da man de Suma Ágora, nun camiño que foi renovándose en cada edición, e xa imos pola décimo segunda.
Desta volta abriron a actividade a artista multidisciplinar, activista e curadore Sergio Marey, así como a estudante, nai e escritora novel Irene Lombardero, con elas partillaron mozos e mozas arredor das súas historias de vida. Nunha segunda volta o alumnado puido conversar con Abeselom Espada, estudante de Antropoloxía e coordinador das clases de español na ONG Viraventos e con Gara López, estudante de Escultura e Psicoloxía Gestalt.

ARTISTA MULTIDISCIPLINAR, ACTIVISTA E CURADORE
Sergio falou das súas orixes labregas e hostaleiras, da súa relación coa arte desde unha visión política e social con Galiza, abrindo un espazo para o debate arredor do activismo LGBT e achegando a súa visión do profundo descoñecemento, apropiación e maltrato das artes populares. Ao tempo, compartiu o traballo de recollida na súa parroquia e noutros lugares da xeografía galega en relación á música tradicional como espazo seguro para o colectivo. O seu primeiro libro “Rural e tradición, un fogar en igualdade : reflexións, realidades e coplas” co que agasallou a todas as persoas participantes, tamén foi o protagonista desta sesión cercana e transparente onde a súa experiencia de vida foi o primeiro.


ESTUDANTE, NAI E ESCRITORA NOVEL
Con Irene a experiencia do embarazo temperá e a súa relación de parella suscitaron moito interese entre o alumnado de 4º da ESO. En novembro de 2013, mentres estudaba historia da arte en Santiago, a súa vida deu un xiro persoal e familiar que a levou a tomar a decisión máis importante da súa vida, ser nai e continuar cun embarazo non buscado, deixar a súa formación universitaria e rachar coa relación de parella que até ese momento tiña por ser un vínculo tóxico. A superación e aprendizaxe daqueles momentos difíciles, mesmo a través da escrita da súa primeira novela titulada “Norah”, marcaron o diálogo cos mozos e mozas do Agra I.


ESTUDANTE DE ANTROPOLOXÍA E COORDINADOR DE ESPAÑOL NA ONG VIRAVENTOS
Abeselom falou da súa orixe etíope e da experiencia de como súa nai biolóxica tomou a difícil decisión de dar aos seus tres fillos en adopción cando el contaba con sete anos. Relatou a situación nun orfanato de Kombolcha e nun hospicio da capital de Etiopía, Adís Abeba para, máis tarde, ser adoptado por unha parella de orixe galega que residía na Coruña. O proceso de chegada, adaptación e asimilación na cidade herculina suscitou interese entre o alumnado, que tamén manifestou moita curiosidade pola experiencia de regreso a Etiopía no verán de 2018 da man dunha ONG. A testemuña de Abeselom desatou unha chea de preguntas desde o respecto e a empatía que favoreceron o coñecemento da cultura etíope e a realidade da adopción internacional.


ESTUDANTE DE ESCULTURA E PSICOLOXÍA GESTALT
En Gara o alumnado atopou unha persoa que con 26 anos decidiu volver estudar, neste caso, escultura aplicada ao espectáculo na Escola de Arte Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña. A súa historia comezou cando con dezasete anos decidiu deixar o seu Madrid natal para vir a Galicia quedar vivir nunha comunidade de artistas e peregrinos durante nove anos. A conversa estivo centrada na dificultade de saber que facer cando tes dezaseis anos, ao tempo que vives a obriga de encaixar coas expectativas propias e familiares nun momento de dúbidas constantes como é adolescencia.

Como en cada edición de Libros Viventes, queremos despedirnos agradecendo a todas as persoas participantes a xenerosidade de compartir as súas historias de vida. Grazas Sergio, Irene, Abeselom e Gara por mostrarvos ante o alumnado desde a honestidade, o respecto e o coidado. E grazas tamén á biblioteca escolar do IES Agra I, por continuar ano tras ano no compromiso de seguir nutrindo ao alumnado coa nosa biblioteca humana. Até a próxima!