A lectura dáme vida e cando non podo ler, pásoo francamente mal.
Este 11 de xaneiro, Día das persoas Usuarias de Bibliotecas, reivindicamos a posta en valor de todas as persoas que visitan decote os nosos centros, dando voz a unha das nosas usuarias máis familiares, Sara Domato Añón (A Coruña, 1983), veciña do Ventorrillo e nai de Breogán, Celtia e Mariña.
Hoxe, na nosa sección Conversas con…damos visibilidade a esta contribución imprescindible da veciñanza para medrar como bibliotecas.
Interesada na comunicación empresarial e estratéxica, Sara imparte materias de Marketing Dixital, Investigación Comercial ou Atención á clientela.
PINCELADAS DE SARA
Sara DomatoAñón naceu na Coruña no 1983, de nai carballesa e pai coruñés, licenciouse en Publicidade e Relacións Públicas e traballa como docente enChíos Formación, un centro privado no que imparte aulas no Ciclo Superior de FP de Marketing e Publicidade.
Veciña do Ventorrillo desde hai anos, vive no barrio xunto á súa parella e os seus tres fillos, “un lugar moi familiar no que se coñece a case toda a veciñanza e onde se acolle moi ben a quen chega de novo“. “Inda que tamén está algo descoidado, por iso para min foi unha alegría moi grande cando se propuxo a construción do Centro Ágora, por todos os servizos que supoñía para os veciños e veciñas nun espazo con poucas infraestruturas públicas, mais especialmente pola biblioteca, que dentro do dinamismo que supuxo o centro para o barrio, coido que é a principal responsable desta vida. Por unha razón ou por outra, toda a veciñanza acaba visitando o Centro Ágora”.
Na imaxe Sara coa súa familia: Breogán, Celtia e Mariña.
A miña primeira biblioteca foi Durán Loriga, tanto meu irmán coma min visitabámola con bastante frecuencia, xa que para nós era unha fórmula de aforro na casa. Sempre fun unha gran lectora e devoraba todo o que pasaba polas miñas mans, así que ter acceso aos fondos dunha biblioteca pública foi a saída de meus pais para esta afección miña.
Un dos libros do que mellor recordo teño e dos que máis desfrutei neses anos foi: “Los niños de Bullerbyn“ de Astrid Lindgren. Tamén me emocionei co “David Copperfield”de Charles Dickens, do que teño varias edicións. Na adolescencia lin as irmáns Bronte e a Jane Austen; mil veces pasou polas miñas mans “Jane Eyre” de Charlotte Bronte e rin moito con “Emma” de Jane Austen.
De esquerda a dereita, Celtia, Breogán e Mariña na zona infantil da Biblioteca Ágora
Breogán ten dez anos e é un neno moi lector, encántalle o manga (Dragón Ball, One Piece) e tamén desfruta moito cos libros autobiográficos de Raina Telgermeier. Durante uns anos o seu libro favorito foi “Cerdito de Navidad” de JK Rowling. Celtia ten oito anos e é a menos lectora dos tres, cóstalle bastante concentrarse, mais leu os libros de Tea Stilton e Anna Kadabra. Agora está de cheo no mundo de Harry Potter, estamos a ler entre as dúas o primeiro da saga e estalle gustando. Mariña tamén ten oito anos e gústanlle moitísimo os cómics, encantoulle Polican e todos os de Raina Telgermeier. Agora tamén está a desfrutar da serie de libros “La casa en el árbol“.
“Desfrutar da lectura supón ter boa compañía en calquera momento da vida“
Inda que prefiro as novelas, desfruto de todo tipo de lecturas: poesía, ensaio, teatro… e teño que dicir que me marcou especialmente “La casa de los espíritus” de Isabel Allende e “Hamnet“ de Maggie O´Farrell, este último foi unha marabilla, inda chorando coma unha fonte coa súa lectura.
De esquerda a dereita e de arriba abaixo: Isabel Allende, Astrid Lindgren, Brandon Sanderson, Maggie O´Farrell, Charles Dickens, Charlotte Brönte e Jane Austen.
RECOMENDACIÓNS
UN FILME: De nena encantáronme “Os goonies“, xa de adulta “Uno de los nuestros“ou as de Indiana Jones.
UN LIBRO: David Copperfield de Dickens, La casa de los espíritus de Isabel Allende e Hamnet, de Maggie O`Farrell.
UNHA CANCIÓN: Calquera de Queen.
UN LUGAR: Calquera onde esté a miña familia.
UNHA INQUEDANZA: Seguir formándome, teño ganas de facer algunha carreira máis.
UN DESEXO: Traballar lendo.
UN PECADO: As patacas fritas.
UNHA COMIDA: Lasaña.
Pois coas recomendacións de Sara despedimos este destacado para festexar o Día das Persoas Usuarias de Bibliotecas, grazas pola participación, polo tempo compartido en familia e por seguir apostando polasbibliotecas municipaiscomo lugar para atopar a mellor das compañías.
Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.