Tiñamos ganas de que eles foran os protagonistas, dicimos eles e pensamos nos mozos e mozas que ao longo de tres mañáns puideron facer un percorrido de descuberta da contorna fortalecendo a identidade do barrio e descubrindo neste caso, espazos de saúde e deporte onde canalizar enerxías, medos, ilusións e sobre todo, aprendizaxes e experiencias fóra do centro de ensino.
No IES Agra I
Roteiro temperán que comezaba cada día no instituto cuns especiais mestres de cerimonia: Fernando, Alberto, Xeila, Iván e Pilar. Eles foron os encargados de abrir o roteiro compartindo como alumnos de TAFD a visión da súa propia aprendizaxe no Ciclo e facendo partícipes ao resto das dúbidas, dificultades e tamén oportunidades que como estudantes tiveron ao longo dos últimos anos.
Noraboa a todxs pola vontade de aprender co diálogo e espir parte das vosas vidas, vinculadas ou non co deporte, con alumnxs que puideron tomar exemplo e falar dos seus proxectos futuros.
En AQA Complexos Deportivos Agra
Despois desta posta en común inicial e coa carpeta que cada alumnx recibiu coa documentación que nutría o roteiro (relación bibliográfica, guía de servizo, mapa e avaliación) puxémonos en marcha cara o Complexo Municipal Deportivo AQA, onde Alberto Méndez, técnico coordinador de actividades e tamén titulado en TAFD, foi quen de deseñar ao longo de tres días unha serie de propostas prácticas que permitiron descubrir, non só instalacións e actividades habituais que se veñen desenvolvendo no complexo, senón algunhas das disciplinas máis en voga do momento.
Foi o caso do crossfit, un sistema de acondicionamento físico baseado en exercicios variados executados a alta intensidade, e algunhas das súas posibilidades da man do skipping, das sentadillas de sumo ou dos burpees. Alberto explicóunos que o entrenamento encadena movementos de diferentes disciplinas como a halterofilia, o entrenamento metabólico ou o ximnástico, e non puidemos resistirnos a levantar a kettlebell, tamén chamada pesa rusa e até pneumáticos de 400 quilos. Toda una experiencia!
Escola de Boxeo "Azteca Box"
Con Luís Súarez, entrenador nacional de boxeo e veciño do barrio, aterramos no seguinte punto do roteiro, o Azteca Box, un clásico de referencia da Biblioteca desde hai anos no humano e deportivo. Amante e apaixonado do boxeo, con el desfrutamos de moitas das experiencias de combate que marcaron a súa traxectoria, como o máis de 3000 veces visto enfrontamento entre Ray Sugar Leonard e Marvin Hagler, ou o fito histórico anterior á Segunda Guerra Mundial entre Joe Louis e Max Schmeling.
Historia e deporte, personaxes como Poli Díaz ou Luca di Lorenzio, combates, dúbidas, reflexións sobre unha disciplina cada vez con máis seguidores na base pero con poucos profesionais na elite, foron algunhas das cuestións que se tocaron neste punto. Filosofía de superación, de constancia e sacrificio, de axilidade frente a forza, de técnica deportiva e humana e, por suposto, de anécdotas interesantes e sorprendentes. Quen sabe talvez a historia que explica a indumentaria profesional e amateur do boxeo? Pois conta a lenda que un aristócrata retou en combate a un mariñeiro no porto de Londres…
Escola de Kung Fu Wing Chun
Despois de aprender como facer unha vendaxe operativa para lanzar un gancho no Azteca Box, puxémonos en marcha cara o seguinte punto do roteiro, a Escola Kung Fu Galicia, xestionada desde hai anos polo sifu Juan Saldeño. Para nós esta visita forma parte dunha colaboración estable desenvolta desde hai anos e que conta cunha das mellores valoracións de todo o alumnado que a coñece e desfruta.
Quizáis a explicación radique en que Sifu, acompañado nesta ocasión con Jorge, cinturón negro, alumno e mestre ao mesmo tempo, plantexa cada unha das súas intervencións como unha pequena descuberta da disciplina no teórico, lembrando a filosofía desta arte marcial chinesa, cunha praxe intensiva que ensina que o kung fu wing chun é unha modalidade claramente orientada á defensa persoal. Golpes de puño, golpes de man aberta, desvíos, agarres ou luxacións que poñemos en práctica para reforzar que “a defensa é sempre un tipo de ataque”.
A Biblioteca Ágora
Como no kung fu, queremos seguir o camiño e facer as cousas ben, así é que visitamos por último a Biblioteca Ágora para compartir co alumnado o que esperamos dela no século XXI, un espazo que sexa punto de apoio da comunidade educativa, que potencie aprendizaxes relacionais, que sexa entendida como mediadora en actividades como os roteiros polo barrio, que visibilice e poña en valor á súa veciñanza reforzando a identidade, pero tamén que conte co alumnado en primeira persoa para que sexa transmisor e aprenda a aprender e tamén a ensinar.
Unha biblioteca en definitiva, capaz de crear comunidade alí onde se asenta e, ante todo, unha biblioteca de todxs e para todxs.
Por último, agradecer de corazón a todas as persoas que fixeron posible a posta en marcha destes roteiros xuvenís: ao IES Agra I, a Sergio e Milagros, ao alumnado de TAFD (Iván, Alberto, Pilar, Xeila e Fernando), a Alberto Méndez dos Complexos Deportivos AQA, a Luís Súarez do Azteca Box, a Juan Saldeño e Jorge de Kung Fu Galicia, ao alumnado de 3º da ESO pola excelente acollida e valoración da proposta e, por suposto, aos compañeirxs que permitiron co seu apoio no centro que esta sexa unha Biblioteca do século XXI.
A todos grazas! A todas grazas! Até a próxima
Pingback: Roteiro deporte e saúde | Biblioagra
Compromiso de colaboración, vontade de traballo conxunto e ganas de aprender das experiencias con alumnado, docentes e veciñanza. O pracer é noso!
Unha Biblioteca que une! Grazas
Gracias a todos vosotros, de la Biblioteca del Ágora y en especial a Eva y Nuria que hacéis posible que el IES Agra y la Biblioteca tengan su presencia en el barrio y seáis , como bien decís ” nuestro punto de apoyo de la comunidad educativa”